UNHA VINTENA DE GRANDES CADROS DE PLÁCIDO AMBOAGE RECREAN ESCENAS DA VIDA E MORTE DE CRISTO NO CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS

UNHA VINTENA DE GRANDES CADROS DE PLÁCIDO AMBOAGE RECREAN ESCENAS DA VIDA E MORTE DE CRISTO NO CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS

Escrito el 08/04/2019


Cadrando coa chegada da Semana Santa o Centro Cultural Lustres Rivas está a exhibir unha nova exposición que, baixo o título de “A Paixón”, recrean a vida e morte de Xesús de Nazaret esta a través dunha vintena de obras de gran formato creadas polo artista santiagués Plácido Amboage.

 

A mostra, que se prolongará ata o día 27 de abril, abriu as súas portas  na noite do pasado venres nun acto moi concorrido que contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz e do propio pintor, quen explicou in situ algunhas das creacións expostas —inspiradas en gran des mestres como Doré ou El Greco—, a modo de anticipo dunha visita guiada que terá lugar o mércores da semana próxima.

 

“A Paixón” está aberta de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.

 

O autor

Plácido Amboage nace en Santiago de Compostela en 1945. Despois de cursar estudos de Bacharelato nesta cidade, trasladouse a Madrid, para ingresar na Escola de Artes e Oficios, onde sacou o título de delineante e de debuxante publicitario. Posteriormente regresou a Santiago para cursar estudos de Dereito. Na actualidade é funcionario da Administración de Xustiza.

 

Ao longo da súa traxectoria cultiva distintos estilos pero, finalmente, inclínase polo realismo no óleo e acrílico sobre lenzo, cuns trazos sinxelos e harmoniosos onde destaca o paisaxismo e a pintura sacra, tomando como base a grandes artistas como Gustavo Doré.

Tamén compre destacar a súa faceta como cartelista, onde conta con distintos galardóns como o Premio de Deseño Gráfico “San Froilán 86”, “a Semana Verde de Galicia” celebrado en Silleda ou “A Segunda Semana do Mar” en Riveira, realizando este ano o cartel da Semana Santa boirense 2019.