A Deputación destina 200.000 euros para axudas a protectoras de animais da provincia da Coruña

A Deputación destina 200.000 euros para axudas a protectoras de animais da provincia da Coruña

Escrito el 10/04/2019


A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases das dúas liñas de subvencións destinadas a apoiar a actividade das asociacións protectoras de animais domésticos da provincia, cun orzamento global de 200.000 euros.

 

Cada unha destas liñas (unha para actividade e outra para investimentos) está dotada cun orzamento de 100.000 euros, e as subvencións oscilarán entre os 1.000 e os 25.000 euros, en función dos criterios de baremación de cada programa. A Deputación subvencionará entre un 20 e un 80% dos investimentos ou actividades.

 

Con estas axudas, que se incrementan nun 25% con respecto ao ano pasado, o  Goberno provincial presidido por Valentín González Formoso pretende colaborar no mantemento da actividade destas asociacións, que desenvolven un papel fundamental no benestar e a sensibilización no respecto aos animais.

 

As axudas irán destinadas a financiar os gastos relacionados coa protección de animais domésticos (cans e gatos) que se realicen no 2019 por parte de asociacións privadas sen ánimo de lucro, de protección e defensa de animais domésticos, legalmente constituídas.

 

Coas axudas provinciais para actividades, as protectoras poderán financiar cuestións como salarios do persoal contratado, servizos veterinarios ou chips, medicamentos e gastos de alimentación dos animais.

 

A través da liña de investimentos, a Deputación colaborará no financiamento de obras, construcións, compra de material e utillaxe, mobiliario ou equipamento e aplicacións informáticas que contribúan ao desenvolvemento da labor destas entidades.

 

Para recibir estas axudas, as asociacións privadas sen ánimo de lucro deberán estar inscritas no ‘Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía’, creadas cunha antigüidade mínima de dous anos anteriores á data de finalización do prazo de solicitude. Ademais, deberán ter domicilio social ou oficina permanente na provincia da Coruña.