A Deputación da Coruña organiza unha xornada para contribuír á eliminación do sexismo na linguaxe

A Deputación da Coruña organiza unha xornada para contribuír á eliminación do sexismo na linguaxe

Escrito el 10/04/2019


Malas linguas: activando falantes para o século XXI chega este venres 12 de abril á sede da Deputación da Coruña cunha nova xornada dirixida a persoal técnico dos servizos de normalización lingüística municipais, profesionais e persoas en xeral interesadas na análise da situación da lingua. Desta volta, a cuarta sesión do programa achégase á relación entre lingua e xénero.

 

Desde ás 9:30 horas as persoas participantes afondarán na relación entre Lingua e xéneros para continuar analizando as políticas lingüísticas, nesta ocasión, desde o punto de vista da inclusión, como vehículo no feminismo e mesmo no idioma coma un lugar de encontro e acollemento.

 

A xornada nace, segundo Goretti Sanmartín, "para ser unha ferramenta interesante para eliminar o sexismo no uso da lingua, de maneira especial desde o ámbito institucional municipal, e promover a súa potencialidade para encamiñar a integración e a igualdade".

 

Despois da apertura institucional a cargo da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, iniciarase o programa co relatorio Argumentos para o galego, a cargo da educadora social e experta en xénero Patricia Porto Paderne, da Libraría Lila de Lilith, gañadora do primeiro premio de proxectos culturais para a igualdade Begoña Caamaño da Deputación da Coruña.

 

A seguir, por volta das 10:15 horas comezará a primeira das mesas de debate: O galego, unha lingua inclusiva? que contará coa participación da xornalista, traductora e doutora en Estudos de Tradución pola Universidade de Vigo, Olga Castro, na actualidade profesora na Universidade de Aston (Gran Bretaña), a filóloga Noemí Basanta, licenciada en Filoloxía Galega e Portuguesa pola USC, que indagou na súa tese sobre as interseccións entre lingua e xénero., e a doutora en Socioloxía e mestrada en Estudos de Xénero, Iria Vázquez Silva, coordinadora do libro Muller inmigrante, lingua e sociedade da Editorial Galaxia.

 

"Políticas lingüísticas e de xénero: unha complementariedade necesaria" é o título da segunda mesa na que participa a profesora de Socioloxía da UDC, Antía P. Caramés, autora dunha tese doutoral vsobre a perspectiva de xénero no coidado das persoas dependentes en Galicia e a activista feminista e editora do fanzine Galiza Nación Cuir, Ximena González, tamén cooperativista en adiante.gal. Finalmente, na sección "Argumentos para o galego" participarán Zinthia Álvares Palomino, Mar Lugo e Jeane Costa.As tres forman parte dun colectivo de afrodescendentes que entenden a identidade dunha maneria xustaposta entre a tradición africana e as herdanzas, buscando o recoñecemento, respeto á diversidade e empoderamento das mulleres negras que viven en Galicia. Falarán da súa relación coa lingua galega e dos motivos polos que a súa lingua de uso habitual non é o galego.

 

Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas