Máis de corenta concellos contarán con servizo de normalización lingüística co financiamento da Deputación da Coruña

Máis de corenta concellos contarán con servizo de normalización lingüística co financiamento da Deputación da Coruña

Escrito el 11/04/2019


A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña recibiu un total de 33 solicitudes na liña de axudas destinada á creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística polas que se atenderá a un total de 47 concellos da provincia. Xunto coas solicitudes individuais, dez concellos optaron por compartir o servizo, como acontece con Dumbría e  Muxía, Abegondo e Coirós, Fisterra e Corcubión, A Baña e Negreira, Carnota e Mazaricos ademais de Rois e Dodro.

 

Á convocatoria concorreron tamén dúas mancomunidades, a da Comarca de Ordes con Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo, que xa se presentara na anterior edición, e a de Ferrol, que opta ás axudas por primeira vez cos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño.

 

A través da convocatoria, dirixida a concellos de máis de 5.000 habitantes ou mancomunidades, a Deputación da Coruña financia con 12.000 euros as retribucións do persoal técnico dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos.

 

A liña duplicou o seu orzamento nos últimos porque, segundo a vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, considera "que o papel que desenvolven os servizos de normalización é fundamental para avanzar o proceso de normalización lingüística".

 

Entre as funcións dos Servizos de Normalización Lingüística recóllense asesorar á administración na procura do incremento do uso e prestixio da lingua, velar polo cumprimento da lexislación, emitir informes para incorporar accións normalizadoras, fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade ou propoñer programas dinamizadores, entre outras.

 

A relación de concellos que recibirán axuda por esta liña son A Baña e Negreira, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo e Coirós, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carnota e Mazaricos, Carral, Culleredo, Dumbría con Muxía, Fisterra e Corcubión, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Sada, Teo, Santa Comba, Rois e Dodro, Cedeira ademais das mancomunidades de Ferrol e Ordes.

 

A liña súmase a outras iniciativas que teñen como obxectivo a normalización do galego desde os concellos como o programa "Lingua a escena!" da Rede Cultural da Deputación da Coruña que se convocou por vez primeira o pasado ano co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega ou o Programa de promoción do uso do galego como "O galego a miña lingua propia".

 

Malas linguas: cuarta xornada

 

Destinado en especial para persoal técnico dos servizos de normalización lingüística, a Deputación da Coruña promoveu o programa "Malas linguas: activando falantes para o século XXI" que  chega este venres 12 de abril á sede da Deputación da Coruña cunha nova xornada que se achega á relación entre lingua e xéneros.