O pleno do Consorcio Provincial Contraincendios aproba a xestión directa dos parques de bombeiros comarcais da Coruña

O pleno do Consorcio Provincial Contraincendios aproba a xestión directa dos parques de bombeiros comarcais da Coruña

Escrito el 12/04/2019


Os dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña pasarán a ser xestionados de forma directa pola administración pública a partir de 2020.

 

O pleno do Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña, integrado ao 50% pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aprobou hoxe a proposta do Goberno provincial coruñés para iniciar o proceso de cambio no modelo de xestión dos parques de bombeiros comarcais (actualmente xestionados por empresas privadas mediante concesión administrativa) por un novo modelo no que medios e persoal dependerán directamente do Consorcio.

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros, Ángel Moldes, o xerente do Consorcio, Luis Barca, e o deputado responsable da área, José Luís García, compareceron esta maña nunha rolda de prensa convocada para explicar os acordos alcanzados tras un longo camiño burocrático que incluíu a elaboración de informes sobre a posibilidade e fórmulas de subrogación dos traballadores e sobre a sustentabilidade económica do novo modelo.

 

Valentín González Formoso explicou que os informes xurídicos e económicos encargados polo Consorcio determinaron que a xestión directa “é a fórmula máis sostible e eficiente”, pois non só é viable dende o punto xurídico, senón que supón un aforro económico de 503.000 euros anuais con respecto ao sistema actual.

 

“Cando chegamos ao goberno da  Deputación entendíamos que o servizo de extinción de incendios, como a sanidade ou a educación, deben ser prestados dende o ámbito público de forma directa. Quixemos facelo de forma seria, sen comprometer a viabilidade económica e xurídica”, afirmou González Formoso, que sostivo que, unha vez emitidos os informes correspondentes elaborados por especialistas en Dereito Adminsitrativo e Dereito do Traballo da USC, polos servizos de Intervención da Deputación e polo propio Consorcio, demóstrase que “a nosa vontade política e a súa viabilidade xurídica e económica estaban perfectamente conexionadas, polo que decidimos apostar por un modelo no que un servizo tan esencial como a extinción de incendios se preste dende o ámbito público. É unha cuestión de principios, pero tamén práctica”, afirmou o presidente provincial.

 

Formoso lembrou que ao acordo afecta a 10 parques comarcais de bombeiros (Carballo, Arteixo, Boiro, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira) e a 178 traballadores que garante un servizo profesional de atención de emerxencias a 562.305 habitantes da provincia da Coruña e agradeceu aos bombeiros “que soportaron con templanza a incertidume” a aos diferentes institucións e persoas implicadas nun “proceso complexo” para que “este momento poda ser realidade”.

 

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, subliñou que o acordo permite “cumprir o dixemos dende o inicio: que un servizo esencial debe ser público” e considerou “un exemplo” o proceso de negociación levado a cabo durante meses coas administracións e traballadores. “Será un cambio beneficioso para o conxunto da poboación”; afirmou Goretti Sanmartín.

 

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, destacou que a Xunta, que participa nos consorcios provinciais das catro provincias galegas,  “facilitou o acordo” poñendo só como condicións que non supuxera un incremento de costes, que se garantira a seguridade xurídica da plantilla e que o servizo mantivese ou mellorase os niveis de calidade.

 

Pola súa banda, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros, Ángel Moldes, considerou que hoxe se deu “un paso importante” e avogou por “un sistema integral de emerxencias público en Galicia”.

 

“Os cidadáns xa pagan este servizo cos seus impostos, non pode ser que dea beneficios para ninguén”, afirmou Moldes, que detallou que o persoal será subrogado de forma inicial nas mesmas condicións laborais que ten actualmente.