Sesenta nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro plantan un cento de castiñeiros e carballos no monte de San Lourenzo

Sesenta nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro plantan un cento de castiñeiros e carballos no monte de San Lourenzo

Escrito el 12/04/2019


Sesenta nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro, de idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos, participaron esta mañá no proxecto de repoboación forestal e posta en valor do monte de San Lourenzo, posto en marcha polo Concello de Lousame e no que se están a investir 33.500 euros, grazas a unha achega da Consellería do Medio Rural. Unha actividade na que a rapazada estivo acompañada polo profesorado do centro, así como pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; técnicos de Protección Civil de Lousame e operarios encargados da repoboación deste monte.

 

Durante algo máis de hora e media, os nenos e nenas plantaron un cento de castiñeiros e carballos na parte máis chan e accesible do monte. En grupos de seis, a rapazada colleu cadanseu sacho ou pala para proceder ao plantado das árbores, cuxos buratos xa quedaran feitos de antes. Durante a plantación, o profesorado aproveitou para explicarlles as características das árbores que estaban a plantar e do monte de San Lourenzo.

 

Teresa Villaverde agradeceu “a contribución dos nosos nenos nesta actividade de recuperación do noso patrimonio medioambiental”, destacando que “o fixeron moi ben, con moito entusiasmo e puxeron o seu gran de area para que este monte teña un mellor aspecto nos próximos anos, cando poderán dicir que eles axudaron a plantar esas árbores e que iso nos axude a todos tamén a coidalo e conservalo”.

 

Proxecto medioambiental

 

Villaverde Pais explica que “a actuación de hoxe culmina a primeira fase do proxecto de recuperación forestal e posta en valor do monte de San Lourenzo, que pertence á comunidade de montes veciñais en man común de Abeixón e Carantoña, que cedeu o seu uso en favor do Concello de Lousame. A comunidade cortou os eucaliptos nestas catro hectáreas e nós plantamos case 5.000 árbores caducifolias, de quince especies distintas que se emprazaron segundo o terreo: castiñeiros, cereixos, freixos, bidueiros, carballos, sobreiras e mesmo especies de espiño nas zonas máis rochosas”. A actuación complementarase no verán coa poda das árbores autóctonas que había no medio do eucaliptal.

 

Así mesmo, durante estes días o alumnado do obradoiro de emprego conxunto entre Lousame, Noia e Outes está a realizar labores de poda e eliminación de especies invasoras na contorna da capela de San Lourenzo. “Hai unha zona invadida por acacias e están a cortalas porque son un perigo”, apunta Teresa Villaverde.

 

Unha vez cortadas esas acacias, a actividade centrarase na limpeza da parte alta do monte de San Lourenzo. “En San Lourenzo hai dous miradoiros naturais sobre a ría de Arousa e sobre a ría de Muros Noia, polo que temos a intención de adecentar o espazo para que poida ser visitado”, apunta a alcaldesa lousamiá.