Medio cento de veciños e veciñas de Lousame participan nas xornadas formativas para conmemorar o Día Mundial da Saúde

Medio cento de veciños e veciñas de Lousame participan nas xornadas formativas para conmemorar o Día Mundial da Saúde

Escrito el 13/04/2019


Máis de medio centenar de veciños e veciñas de Lousame asistiron na noite de onte venres ás dúas xornadas formativas organizadas polo Concello de Lousame, en colaboración co Club Lousame Deporte, para conmemorar o Día Mundial da Saúde. Dúas charlas impartidas na casa da cultura lousamiá pola doutora Otilia Quireza e polo educador social Leandro Fernández, que foron presentados polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero.

 

As xornadas comezaron coa conferencia “Descobre por que as emocións nos enferman”, na que a doutora Otilia Quireza utilizou casos prácticos para explicar que “as emocións hai que traballalas, hai que saber xestionalas e non gardalas dentro”. Neste sentido, asegurou que “se atopas a emoción que hai detrás, podes mellorar o cadro da enfermidade”.

 

Pola súa banda, o educador social e pedagogo Leandro Fernández impartiu a charla titulada “Ferramentas de control parental para o bo uso das tecnoloxías actuais”. Así, advertiu aos presentes do feito de que “os nenos son nativos dixitais, nós non”, polo que “temos unha ignorancia case total das actividades que eles realizan a través de dispositivos con acceso a Internet”. Neste sentido, explicoulles aos presentes unha serie de medidas de seguridade para unha navegación segura na casa e instándolles a tratar a cuestión das redes sociais cos menores pois “por moitas trabas que lles poñamos, tarde ou temprano as utilizarán, queiramos ou non”.

 

Esta dúas charlas pechan o programa especial que cada ano programan a Concellería de Deportes lousamiá e o Club Lousame Deporte para conmemorar o Día Mundial da Saúde e o Día Mundial da Actividade Física, e que comezaron o pasado domingo coa iniciativa “Deporte á rúa”, na que a veciñanza tivo a ocasión de participar en dous obradoiros de iniciación ao parkour e ao skate, así como practicar baloncesto e fútbol sala.