FABIOLA GARCÍA DESTACA A IMPORTANCIA DO VOLUNTARIADO AMBIENTAL PARA CONSERVAR E POÑER EN VALOR O PATRIMONIO NATURAL DE GALICIA

FABIOLA GARCÍA DESTACA A IMPORTANCIA DO VOLUNTARIADO AMBIENTAL PARA CONSERVAR E POÑER EN VALOR O PATRIMONIO NATURAL DE GALICIA

Escrito el 11/05/2019


A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia dos programas de voluntariado xuvenil para contribuír a conservar e a poñer en valor o patrimonio natural de Galicia. Fíxoo durante unha visita aos 8 mozas e mozos que realizan diferentes actuacións ambientais na Illa de Sálvora e aos 20 que traballan en tarefas de mantemento do complexo de dunas de Corrubedo, nas que tamén participan persoas con autismo. Á visita asistiron a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

 

A Xunta impulsa as intervencións nestes dous espazos naturais ao abeiro do proxecto europeo Lewo (Life Evergreen with Volunteers). Unha iniciativa que se desenvolve entre marzo e xuño en dez hábitats protexidos da nosa comunidade: as fragas do Eume e as do Mandeo; os parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés, o dos Ancares e o da Serra da Enciña da Lastra; as dunas de Corrubedo e o parque nacional das Illas Atlánticas, formado polas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora. Arredor de 100 persoas entre os 18 e 30 anos de idade forman parte dos grupos de voluntariado que están a intervir nestas contornas.

 

Fabiola García explicou que este programa cumpre varios obxectivos. Por un lado, axuda a potenciar o patrimonio natural galego e fomenta o respecto pola nosa paisaxe e medio ambiente; e, por outro, favorece a implicación da xuventude no coidado da natureza e impulsa un voluntariado inclusivo e con vocación formativa.

 

A conselleira fixo fincapé en que Galicia é un referente en materia de voluntariado, con máis de 8.000 persoas que participan activamente nos programas da Xunta e con 970 entidades inscritas.