O CONCELLO RECIBE UNHA ACHEGA DE DELOA PARA ESCAVAR E POÑER EN VALOR A MURALLA DO RECINTO SUPERIOR DO CASTRO DA CIDÁ

O CONCELLO RECIBE UNHA ACHEGA DE DELOA PARA ESCAVAR E POÑER EN VALOR A MURALLA DO RECINTO SUPERIOR DO CASTRO DA CIDÁ

Escrito el 09/07/2019


O Concello de Riveira veu confirmada a concesión dunha achega de fondos Leader xestionados pola asociación Deloa para seguir escavando o xacemento arqueolóxico de Castro da Cidá a través dunha nova intervención que se centrará na muralla do recinto superior do poboado.

 

A actuación ascende a 226.575 euros e a achega de Deloa é, en principio, de 86.417 euros, se ben se podería incrementar no futuro nun máximo doutros 78.529 euros no caso de que existan remanentes ou fondos dispoñibles na presente convocatoria de proxectos 2019-2020.

 

Tres liñas defensivas

De acordo coas investigacións levadas a cabo ata o momento, Castro da Cidá posuía tres liñas de defensa formadas por dúas murallas terraplenadas exteriores e, na parte máis próxima ás cabanas, por un terraplén rematado en parapeto circundando a plataforma superior ou croa. A intervención focalizarase neste último parapeto, nun espazo de aproximadamente 304 metros cadrados, cunha lonxitude aproximada de 53 metros e entre 5 e 6 metros de anchura.

 

Ademais da escavación propiamente dita, a actuación inclúe a restauración e consolidación desta área e a posta en marcha dun plan de divulgación e posta en valor que comezará dende o mesmo momento en que se inicie o traballo de campo, con visitas durante toda a intervención nas que o equipo arqueolóxico atenderá as inquietudes que se plantexen.

 

Os traballos teñen unha duración de dous meses.

 

As primeiras escavacións desenvolvidas en Castro da Cidá tiveron lugar entre abril e outubro de 2014 ao abeiro do primeiro proxecto Riveira Atlántica, que estivo cofinanciado con fondos Feder e que, partindo dun descoñecemento case total do que había soterrado, sacaron á luz restos dun castro en moi bo estado detectando 15 cabanas vinculadas á Idade de Ferro e unha caseta-vixía adscrita ao século XVIII.

 

En datas similares do 2015 levouse a cabo unha segunda fase, desta vez sufragada con fondos Leader xestionados por Deloa e puxo de manifesto outras sete cabanas de granito das que se consolidaron cinco, amén de pequenos muros segmentados e a presenza de indicios da muralla-parapeto obxecto da presente intervención.

 

Cómpre lembrar ademais que está pendente unha cuarta actuación financiada pola Deputación que afectará a catro elementos castrexos de Arousa Norte, entre eles Castro da Cidá, cun proxecto aínda por concretar.