O CURSO SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO EN RIVEIRA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO MARCA UN NOVO RÉCORD CON 130 ASISTENTES

O CURSO SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO EN RIVEIRA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO MARCA UN NOVO RÉCORD CON 130 ASISTENTES

Escrito el 10/07/2019


O curso de verán sobre prevención e intervención en violencia de xénero organizado en Riveira pola Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir as súas portas no Auditorio Municipal e faino cun novo récord de asistencia: en total, 130 alumnos procedentes de 29 provincias e cunha participación maiormente foránea fronte aos 104 que concorreron o ano pasado.

 

O acto inaugural contou coas intervencións de Gualberto Buela-Casal, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Granada e alma máter desta acción formativa; Ramón Arce Fernández, catedrático de Psicoloxía Xurídica da USC e codirector do curso; José Díaz Fernández, inspector xefe de Policía Nacional e secretario do curso; Mar Lorenzo, vicerreitora da USC, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta; e o alcalde Manuel Ruiz.

 

Alto nivel

Buela-Casal salientou o alto nivel dos relatores que entre hoxe e o venres se dan cita na instalación riveirense, con expertos como María Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género del Consejo General del Poder Judicial; profesores universitarios, integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, que foi a encargada de impartir a conferencia inaugural baixo o título de “Programa e accións da Xunta de Galicia contra a violencia de xénero”.

 

Antes, durante a inauguración, a propia López Abella resaltou que “un año más Riveira se convierte en epicentro de Galicia para informar y formar sobre la violencia de género, la manifestación más cruel e inhumana de la desigualdad  existente entre mujeres y hombres en el mundo”.

 

Pola súa parte, a vicerreitora Mar Lorenzo comunicou que este curso é o de maior número de inscritos entre toda a oferta de verán lanzada pola Universidade de Santiago de Compostela (tamén o foi na edición do ano pasado) e manifestou que a organización de iniciativas coma esta nos axuda a levar a cabo unha labor de prevención primaria.

 

O alcalde Manuel Ruiz agradeceu a todos os que fan posible que Riveira acolla unha vez máis este curso e particularmente a Gualberto Buela-Casal, natural da nosa cidade, que leva organizando cursos de verán neste municipio dende o 2012; e manifestou que a xuventude de hoxe conta cos valores e as armas necesarias para conseguir erradicar esa lacra que é a violencia machista. Tamén aproveitou para dar a coñecer as características e versatilidade do futuro auditorio municipal ante a eventualidade de que continúen estes cursos.

 

Ademais de Susana López, a xornada de hoxe contou coas ponencias no transcurso da mañá de José Manuel Quintana Touza, capitán da Garda Civil da Policía Xudicial (“Perfil criminolóxico do feminicida”); e Xabier Peña Koka, subcomisario da Ertzaintza, responsable de Investigación Criminal e da Sección de Violencia de Xénero, Doméstica e Filio-parental en Guipúscoa (“Aspectos psicolóxicos entre vítimas e agresores de violencia de xénero”).

 

Pola tarde está prevista a intervención da capitán da Garda Civil María José Garrido Antón para disertar sobre “Primeiros auxilios psicolóxicos en violencia de xénero”.