AS ENTRADAS PARA A XIII XUNTANZA DAS PERSOAS MAIORES DE RIVEIRA PORANSE A VENTA NO CONCELLO A PARTIR DO 8 DE NOVEMBRO

AS ENTRADAS PARA A XIII XUNTANZA DAS PERSOAS MAIORES DE RIVEIRA PORANSE A VENTA NO CONCELLO A PARTIR DO 8 DE NOVEMBRO

Escrito el 05/11/2019


A décima terceira edición da Xuntanza das Persoas Maiores de Riveira xa ten data: celebrarase o domingo 24 de novembro e as entradas poderán adquirirse na Casa do Concello entre o venres 8 e o xoves 21.

 

Así o informou a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, Ana Ruiz, nun acto de presentación no que estivo acompañada de representantes dos distintos colectivos de maiores do municipio: Gloria Lijó no nome do Centro da Terceira Idade Santa Uxía; Manuel Pérez polo Club de Xubilados do Mar de Aguiño; José Manuel Prego, polo Club de Xubilados do Mar de Corrubedo; Juan José García, polo Club de Xubilados do Mar de Riveira; e Antonio Muñiz e Manuel González polo Club de Xubilados do Mar de Palmeira.

 

Misa solemne

Como vén sendo habitual, a xornada comezará cunha misa solemne ás 12.30 horas na igrexa parroquial de Santa Uxía que nesta ocasión contará coa actuación da Rondalla de Aguiño.

 

A partir das 13.15 horas terá lugar a recepción de asistentes no polideportivo da Fieiteira. Haberá autobuses a disposición de quen queira acudir ata alí (tamén para volver ao final da xornada) que estarán estacionados no entorno da vella terminal no Malecón. Unha vez no recinto, os comensais degustarán diferentes pratos (o menú, que non foi desvelado, cambia respecto a anos anteriores) e poderán bailar a ritmo dunha orquestra.

 

A concelleira manifestou que as expectativas apuntan a rondar o milleiro de participantes tal e como vén sendo habitual nas últimas edicións.

 

Para adquirir as entradas (a un prezo de 16 euros) cómpre achegarse ata a área de Tesourería no andar baixo do Consistorio. Logo, na veciña Oficina de Atención Cidadá, poderán reservar as súas cadeiras numeradas proseguindo a iniciativa implantada no 2018.