A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Noia supervisan os traballos de humanización e ordenación realizados na Praza das Américas

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Noia supervisan os traballos de humanización e ordenación realizados na Praza das Américas

Escrito el 26/11/2019


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, supervisaron esta mañá os traballos de humanización e ordenación realizados na Praza das Américas, que agora verá equilibrada a convivencia entre o tráfico rodado e peonil. Unha visita na que estiveron acompañados pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, e polos concelleiros de Urbanismo, Martín Fernández Godón; Economía, Laura Salgado; Parques e Xardíns, Mariola López; e Relacións Veciñais, Beatriz Rosende.

 

Santiago Freire agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia xa que se trata “dun investimento importante para Noia porque supón a reordenación do tráfico na zona e unha mellora da accesibilidade e das condicións de seguridade viaria, ademais de habilitar prazas de estacionamento”. O alcalde noiés explicou que “con actuacións coma esta na Praza das Américas, as que se están a facer no Monte do Bolo e outras complementarias que imos desenvolver proximamente como a mellora do alumeado no Malecón de San Lázaro e na Praza das Américas o que buscamos é facilitar a integración do barrio de San Lázaro co casco histórico”.

 

Pola súa banda, Ángeles Vázquez destacou que “esta era unha praza cunhas necesidades que puidemos comprobar en febreiro, cando se asinou o convenio, e agora vemos como se reorganiza o tráfico, a mellora dos servizos, do asfaltado, da conservación da paisaxe... Incluso agora o autobús non supón ningún obstáculo á hora de recoller ás persoas como pasaba antes”. Vázquez apuntou que “Noia é unha vila histórica e esta praza supón a entrada a unha zona antiga pero onde hai tamén que dar cabida a un tráfico que ten que ser fluído porque aquí se atopan servizos como o centro de saúde, así como moito comercio”.

 

Plan Hurbe

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que o departamento que dirixe destinará ao longo de 2020 un orzamento de 6,5 millóns de euros para levar a cabo actuacións que promovan a recuperación e mellora dos espazos públicos dos concellos galegos, tal e como fixo o Concello de Noia. Así, explicou que -tras as obras financiadas nun 70% pola Xunta- a Praza das Américas e a súa contorna está reorganizada dun xeito máis funcional e mellor ordenado, ao tempo que se definiu un espazo destinado ao aparcadoiro en boas condicións.

 

Ángeles Vázquez indicou que Praza das Américas, e o seu contorno, é unha zona moi concorrida, que está moi próxima ao Centro de Saúde, na que se rexistra unha importante ocupación residencial e tamén é unha zona relevante para o comercio noiés, con negocios locais, supermercados e distintos servizos. Así, o firme da estrada conta cunha nova capa de rodadura e construíronse novas beirarrúas para atender a grande concorrencia de peóns, que agora son máis amplas, achegando comodidade e seguridade; ao tempo que se clarificou o itinerario peonil e as zonas de cruzamento da vía. Ademais, executouse un firme de formigón no illote central da praza e reduciuse o radio da glorieta para posibilitar un mellor acceso de vehículos articulados e autobuses.

 

Recordou que esta actuación se executou ao abeiro dun convenio de colaboración, co fin de mellorar este punto da vila de Noia e que recolleu un investimento de máis de 80.000 euros. A conselleira tamén puxo de manifesto que esta colaboración é un “bo e claro” exemplo da necesidade de estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, un dos obxectivos do Plan hUrbe, programa posto en marcha polo Goberno galego en 2010, xunto co obxectivo de fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.

 

Por último, destacou que este tipo de actuacións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas; en definitiva, pola preservación da identidade de Galicia.