ELENA GARCÍA, DE AMICOS, ILUSTRARÁ O CARTEL DE NADAL DO CONCELLO E PAULA QUEIRUGA, DO COLEXIO GALAXIA, DECORARÁ A POSTAL

ELENA GARCÍA, DE AMICOS, ILUSTRARÁ O CARTEL DE NADAL DO CONCELLO E PAULA QUEIRUGA, DO COLEXIO GALAXIA, DECORARÁ A POSTAL

Escrito el 28/11/2019


Elena García Argibay, estudante de nove anos do centro de Amicos, resultou a gañadora do Cuarto Concurso de Pintura Escolar de Nadal e a súa obra servirá para ilustrar a cartelería navideña impulsada polo Concello. Ademais, como novidade, haberá unha segunda creación seleccionada: trátase dun traballo de Paula Queiruga García, alumna de once anos do colexio Galaxia, que servirá para decorar a postal navideña municipal.

Así o decidiu o xurado do certame tras escoller estas dúas obras —a primeira como gañadora, a segunda como accésit— de entre ás 446 creacións procedentes de nove centros educativos que se presentaron ao concurso. Cómpre recordar que o xutado estivo integrado por Eugenia Gómez Vidal, Pilar Ageitos Fuentes, Fernando Yáñez González, Paco Casal Castro, persoas de recoñecida traxectoria no mundo da arte, e Juana Brión Santamaría, concelleira de Educación do Concello de Ribeira, actuando como secretaria Alicia Padín.

Ambas ilustracións foron presentadas esta mañá na Casa do Concello pola concelleira de Cultura, María Sampedro, e a súa compañeira da área de Educación, Juana Brión. Ademais, mentres que a gañadora Elena García non puido acudir ao evento (si estivo Pilar Sampedro, traballadora de Amicos), si estivo Paula Queiruga acompañada de boa parte dos seus compañeiros e compañeiras de clase e da súa familia. Paula quixo dar as grazas aos seus amigos, pais, a súa irmán pequena e ao seu profesor por animarlle a facer o debuxo”. Pola súa parte, Pilar Sampedro destacou que “con apoio todo o mundo pode ser artista”.

Bola de 12 metros

María Sampedro aproveitou este acto para anunciar que mañá venres ás 19.30 horas, coincidindo coa celebración do Black Friday e por expreso desexo da Asociación de Empresarios de Riveira, acenderase o alumeado navideño do centro da cidade. Segundo a programación, comezarase por acender en primeiro lugar a praza do Concello para acudir ao continuación ata o Malecón para iluminar o Belén Municipal alí enclavado así como outros novidosos elementos, entre eles unha bola con microbombillas de doce metros de altura. O evento rematará cunha chocolatada no propio Malecón. En caso de chuvia, o itinerario será ao revés: comezando ás 19.30 horas no Malecón e indo acto seguido á praza do Concello, onde a chocolatada terá lugar baixo os soportais do Consistorio.

 

Fóra do centro urbano, o acendido de Nadal terá lugar o vindeiro 5 de decembro. Cómpre destacar que entre os máis de 400 elementos de que constará este ano o alumeado navideño, figuran algúns tan novidosos como dous “gobos” (proxecións lumínicas) nas fachadas do mercado municipal e a sala museo municipal de Riveira, tres árbores de Nadal de 18, 10 e 15 metros de altura ou a referida bola de 12 metros.