CÁRITAS RIVEIRA ORGANIZA O SEU FESTIVAL BENÉFICO DE NADAL PARA VISUALIZAR O SEU TRABALLO POLOS MÁIS DESFAVORECIDOS

CÁRITAS RIVEIRA ORGANIZA O SEU FESTIVAL BENÉFICO DE NADAL PARA VISUALIZAR O SEU TRABALLO POLOS MÁIS DESFAVORECIDOS

Escrito el 02/12/2019


Un decembro máis, a organización Cáritas Parroquial de Riveira organiza o seu Festival Benéfico de Nadal, que este ano recalará no Auditorio o domingo 15 de decembro e cuxo programa foi presentado esta mañá pola súa presidenta Teresa Pérez e por Manuel Mirás, ademais da concelleira de Cultura María Sampedro.

 

Teresa Pérez fixo fincapé en que a intención deste festival non é tanto recadar como concienciar á xente sobre a existencia de Cáritas no noso municipio e o traballo que fai polos máis desfavorecidos da nosa sociedade.

 

O festival dará comezo ás 19 horas e contará coas actuacións do grupo de pandereteiras da Terceira Idade de Riveira; o cantautor Álex Millet; a Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Riveira e, como novidade, o seminarista Ange Patrick, dotado dunha portentosa voz como xa demostrou noutros eventos realizados na cidade. O espectáculo é totalmente gratuíto e sortearanse agasallos entre os asistentes (os tickets dos sorteos xa están a venta).


María Sampedro destacou o “labor extraordinario” que realizan as persoas integrantes de Cáritas Riveira, que son capaces de chegar onde moitas veces non chegan as administracións. A este respecto, Terese Pérez salientou a boa sintonía e colaboración existente entre esta organización benéfica e os Servizos Sociais do Concello.

 

Mínimos históricos

Como vén sendo habitual, Manuel Mirás aproveitou este acto para facer balance e salientou que están nos mínimos históricos en canto ao número de familias atendidas por Cáritas Riveira nos seus 39 anos de traxectoria: un total de 133, cando nos peores tempos da crise se superaban as 300 familias e aínda o ano pasado rondaban os 170.

 

A este respecto, detectaron que sobre todo se creou moito emprego nas conserveiras. Malia así, sinalou que nun 25% dos casos a pobreza está cronificada.

 

Este anos Cáritas contratou unha educadora social con mois bos resultados e durante o Nadal levará a cabo novas iniciativas como a campaña de recadación de alimentos nos supermercados.