Importante paso para a oficialización do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia: os/as alcaldes/as reúnense coas máximas autoridades de Cultura e do Xacobeo

Importante paso para a oficialización do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia: os/as alcaldes/as reúnense coas máximas autoridades de Cultura e do Xacobeo

Escrito el 10/01/2020


A Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia deu esta mañá un importante paso de cara a conseguir a oficialización deste itinerario coa primeira reunión entre os alcaldes e alcaldesas dos nove municipios promotores da iniciativa (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago) e a plana maior da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, encabezada polo conselleiro Román Rodríguez; a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; o director da SA Xacobeo, Isaías Calvo de la Uz; e o secretario xeral técnico de Cultura, Manuel Vila.

 

Un encontro que tivo lugar esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago e ao que asistiron os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Miñones; Brión, José Luis García; Lousame, Teresa Villaverde; Muros, Inés Monteagudo; Noia, Santiago Freire; Outes, Manuel González; e Porto do Son, Luis Oujo; así como os concelleiros de Turismo de Noia, Rois e Santiago, José Pérez Martínez, Manuel dos Santos Rodríguez e Gumersindo Guinarte Cabada, respectivamente.

 

A reunión comezou cunha intervención do conselleiro de Cultura, quen fixo especial fincapé na responsabilidade necesaria para levar a cabo o procedemento de oficialización dunha ruta Xacobea, no que é preciso demostrar a súa historicidade e delimitar un trazado cunhas bases sólidas e co máximo rigor. Neste sentido, felicitou aos representantes dos municipios promotores polo traballo xa realizado e polo que aínda queda por afrontar. Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Cultural explicoulles que o procedemento se divide en dúas fases principais: a acreditación da historicidade do Camiño, xa presentado; e o expediente de delimitación do trazado, que ten un tempo de tramitación de 24 meses.

 

Teresa Villaverde, portavoz da Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia, agradeceu a recepción por parte do conselleiro e da plana maior da Consellería aos alcaldes promotores da iniciativa, así como a explicación sobre o procedemento para a oficialización do Camiño. “Nós estamos confiados no traballo xa entregado sobre a historicidade do Camiño porque son moitos anos traballando, primeiro individualmente cada concello e despois en conxunto, e porque se encargou a unha empresa que ten experiencia na oficialización doutros Camiños. Polo tanto, estamos confiados en que é un traballo rigoroso e que a Consellería vai estudar e informar sobre a historicidade no espazo de tempo máis breve posible”.

 

Así mesmo, aproveitou tamén para avanzar que “os traballos na delimitación do trazado están moi avanzados” e que “unha vez teñamos aprobada a historicidade o presentaremos na Consellería”. Finalmente, Teresa Villaverde amosou a súa satisfacción por que “hoxe quedou claro que os nove concellos estamos unidos e traballando conxuntamente pola oficialización deste Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia”.

 

Posteriormente tivo lugar unha reunión dos/as representantes municipais sobre o itinerario cultural a Santiago de Compostela pola Ría de Muros Noia na que se aprobou a acta da sesión anterior e se informou sobre o estado das tramitacións das adhesións á Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia. Así, o último concello en aprobar os estatutos foi Brión (18 de decembro de 2019), polo que só restaría a súa aprobación polo Concello de Santiago de Compostela, que xa manifestou a súa intención de facelo nos primeiros meses de 2020.