UN TOTAL DE 39 OBRAS PRESENTADAS AO XLV PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO, REFERENTE DA LITERATURA GALEGA CONTEMPORÁNEA

UN TOTAL DE 39 OBRAS PRESENTADAS AO XLV PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO, REFERENTE DA LITERATURA GALEGA CONTEMPORÁNEA

Escrito el 13/01/2020


Un total de 39 obras foron presentadas á XLV edición do certame galego de narracións breves “Premio Modesto R. Figueiredo, un dos máis prestixiosos concursos de literatura galega contemporánea. O xurado do concurso reuniuse o pasado sábado no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira, municipio que albergará tamén o acto público de entrega de premios o vindeiro 25 de xaneiro.

 

O xurado estivo composto por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Antonio Piñeiro, en representación do Concello; Ruben Eyré, polo PEN Clube de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; e José Carou, gañador da edición do 2018 e como representante da Fundación do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario David Otero, secretario do Pedrón de Ouro.

 

Cómpre lembrar que de acordo coas bases do certame, a obra gañadora está premiada con 1.000 euros e o xurado pode decidir tamén que haxa ata dous segundos premios (accésits), cada un dos cales está dotado con 400 euros. O concurso está dirixido a autores e autoras de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

 

Na entrega do día 25 darase a coñecer a identidade da persoa gañadora e do accésit ou accésits no caso de que os haxa.

 

Nacido en 1975 co nome de Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro, o seu primeiro gañador foi Xoán Ignacio Taibo co relato “A enquisa”. Tras o falecemento do seu patrocinador, Modesto Rodríguez Figueiredo, vicepresidente do Pedrón de Ouro, adoptou o nome deste a partir aa súa terceira edición. Na nómina de gañadores figuran literatos de tanta sona como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xavier Alcalá, Anxel A. Rei Ballesteros, Víctor Fernández Freixanes, Manuel Riveiro Loureiro, Tucho Calvo, Carlos G. Reigosa, Miguel Anxo Fernán Vello, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Roman Raña Lama, Antón Castro, Ánxeles García Sumay, Ramiro Fonte, Miro Villar, Ramón Nicolás Rodríguez, Luísa Villalta, Helena Villar Janeiro, Antón Riveiro Coello, Lino Braxe Mandiá, Alfonso Álvarez Cáccamo, Rosa Aneiros Díaz, Luís González Tosar, Inma López Silva, Antón Rodríguez López, Beatriz Dacosta Molares, Emma Pedreira, María Esther Fernandez Carrodeguas, Begoña Paz Rey...