O PROGRAMA INTEGRADO TERRAS DE IRIA VI IMPULSARÁ A EMPREGABILIDADE DE 100 PERSOAS DESEMPREGADAS NOS CONCELLOS DE DODRO, PADRÓN E ROIS

O PROGRAMA INTEGRADO TERRAS DE IRIA VI IMPULSARÁ A EMPREGABILIDADE DE 100 PERSOAS DESEMPREGADAS NOS CONCELLOS DE DODRO, PADRÓN E ROIS

Escrito el 13/01/2020


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe en Padrón á presentación do programa integrado de emprego Terras de Iria VI que se celebrará nos concellos de Dodro, Padrón e Rois e que impulsará a empregabilidade de 100 persoas que se atopan no paro.

 

A celebración desta iniciativa nestes concellos permitiu, nos últimos anos, chegar a 500 persoas cun apoio de 900.000 euros. O programa, de carácter multisectorial, abrangue formación nos sectores do metal, do comercio, do téxtil industrial e da hostalería. Esta formación complementarase con coñecementos básicos de carácter transversal (como novas tecnoloxías e idiomas), ademais de prácticas laborais, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade laboral e bolsas de asistencia.

 

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 46 programas integrados cun investimento de máis de 10,5M€ para 4600 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade e de contar cunha Galicia máis preparada, obxectivo ao que se prevé destinar, durante este ano 2020, máis de 260M€. Neste sentido, estes tres concellos recibiron, no que vai de lexislatura, apoios por un total de 1,5M€ para impulsar a contratación de persoas desempregadas, axentes de emprego e desenvolvemento local, persoas en situación ou risco de exclusión social e para o fomento do emprego no rural.

 

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.