COGAMI dedica o mes de febreiro á autonomía persoal durante a campaña 12 Chaves da Inclusión na conmemoración do 30 Aniversario

COGAMI dedica o mes de febreiro á autonomía persoal durante a campaña 12 Chaves da Inclusión na conmemoración do 30 Aniversario

Escrito el 11/02/2020


A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dedica o mes de febreiro á autonomía persoal, un dereito básico e fundamental que nos permite poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, un dereito que, para que unha persoa con discapacidade poida exercelo, ten que contar cunha sociedade preparada con mecanismos que solucionen as barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas.

Para referirse á autonomía persoal, en COGAMI está en marcha dende o mes de maio un proxecto Innovador que se centra na investigación de novas metodoloxías, técnicas e investigacións. Promovido pola Xunta de Galicia e con ámbito de actuación para toda Galicia, este proxecto estase desenvolvendo en Santiago de Compostela no Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (CEGADI).

Tras recibir máis de 60 solicitudes de acceso, nas que en todas se realizaron entrevistas de valoración para dar resposta individual ás necesidades de cada unha destas persoas, actualmente son 25 as persoas que forman parte do proxecto innovador de maneira continuada, das que 17 son homes e 8 son mulleres con idades comprendidas entre os 4 ata os 60 anos. Se ben o ámbito de actuación esténdese a todo territorio galego, polo de agora, as persoas que están acudindo ata o centro son de concellos próximos a Compostela, procedendo de Santiago (10), Ames (5), A Estrada (2), e 1 de Arzúa, O Pino, Porto do Son, Santa Comba, Trazo e Vedra.

Con todas estas persoas deseñouse un itinerario personalizado de atención integral, co que se realizaron ata o de agora 1.900 intervencións nas que se contabilizan as sesións de valoración, as entrevistas a familiares, visitas aos domicilios  e mesmo intervencións na súa contorna habitual. Actualmente, as persoas usuarias adoitan acudir ata as instalacións do CEGADI dous días á semana durante 1 hora e media e con elas traballa un equipo formado por 10 profesionais especialistas en fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, logopedia, traballo social, persoal investigador, expertos en accesibilidade e intermediación laboral. Estes profesionais avalían as necesidades e establecen que intervencións son necesarias contemplar, podendo ser dende a psicomotricidade e o adestramento funcional ata o traballo en habilidades sociais, deporte adaptado, elaboración e adecuación de produtos de apoio de baixo custo, participación social activa e coñecemento dos recursos da contorna.

Este proxecto innovador ten por diante 4 anos de traxectoria para desenvolver unha investigación a través do deseño e posta en marcha de metodoloxías, técnicas, protocolos e intervencións que teñen como elemento innovador a atención integral da persoa dende un enfoque socio-comunitario. Ademais do modelo rehabilitador, promove tamén a atención centrada na persoa para garantirlle autonomía e o empoderamento.

Nestes trinta anos de traxectoria de COGAMI, o grupo social de persoas con discapacidade avanzou moito na pero aínda queda por facer, polo que a campaña 12 Chaves da Inclusión irá desfechando mes a mes unha pechadura relacionada cun dereito básico e que moverá polas redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI.

Se este mes de febreiro está dedicado á autonomía persoal, o resto dos meses englobarán cada un os seguintes: marzo á muller; abril saúde; maio a emprego; xuño a economía social; xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.