MEMBROS DA FIFA ACUDIRÁN A REALIZAR AS PROBAS DE HOMOLOGACIÓN DO NOVO CÉSPEDE ARTIFICIAL DO CAMPO DE FÚTBOL DA FIEITEIRA

MEMBROS DA FIFA ACUDIRÁN A REALIZAR AS PROBAS DE HOMOLOGACIÓN DO NOVO CÉSPEDE ARTIFICIAL DO CAMPO DE FÚTBOL DA FIEITEIRA

Escrito el 11/02/2020


O Concello de Riveira informa de que, unha vez rematados os labores de dotación  dun novo céspede artificial de última xeración para o campo de fútbol da Fieiteira, esta pasada fin de semana tiveron lugar os primeiros encontros neste recinto deportivo e que o próximo martes 18 de febreiro acudirán representantes da FIFA para realizar as probas de homologación e expedición do pertinente certificado.

 

Esta agardada actuación foi realizada pola empresa Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A., e comportou un investimento superior aos 222.000 euros. Cómpre lembrar que en virtude do proxecto técnico executado estendeuse na instalación un  novo céspede de última xeración con homologación FIFA QUALITY PRO, que permitiría incluso a disputa de partidos de categoría nacional.

 

Rego automático

Ademais, dotóuselle dunha nova rede de rego automático, con cañóns emerxentes de gran alcance situados fora do rectángulo de xogo, así como porterías regulamentarias de fútbol 11 e fútbol 7 e banderíns nas catro esquinas do terreo.

 

O proxecto técnico prevé un plan de mantemento por cinco anos que inclúe tanto á formación do persoal municipal para obter os coñecementos necesarios para a conservación do céspede como a realización dous veces ao ano de tarefas de mantemento por parte da empresa adxudicataria.

 

Cómpre lembrar que nos últimos anos o Concello emprendeu outras actuacións encamiñadas a instalar céspede artificial en campos do termo municipal que carecían del, como os da Guía en Carreira e A Trinidade en Oleiros.