Publicado el 17/04/2019

A Casa da Cultura de Lousame acollerá dous pases do espectáculo “Os fabulosos cleaners” o sábado 27 de abril

A Casa da Cultura de Lousame acollerá o vindeiro sábado 27 de abril dous pases do espectáculo “Os fabulosos cleaners”, de Malasombra Produccións. Un espectáculo visual con pompas de xabón dos actores Xoque Carbajal e Jouse García que o pasado mes de decembro encheu este mesmo auditorio e deixou a máis de sesenta persoas fóra por falta de aforo. Daquela, o Concello de Lousame comprometérase a programar dous novos pases en 2019, de acordo coa dispoñibilidade do espectáculo.

Publicado el 13/04/2019

Medio cento de veciños e veciñas de Lousame participan nas xornadas formativas para conmemorar o Día Mundial da Saúde

Máis de medio centenar de veciños e veciñas de Lousame asistiron na noite de onte venres ás dúas xornadas formativas organizadas polo Concello de Lousame, en colaboración co Club Lousame Deporte, para conmemorar o Día Mundial da Saúde. Dúas charlas impartidas na casa da cultura lousamiá pola doutora Otilia Quireza e polo educador social Leandro Fernández, que foron presentados polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero.

Publicado el 12/04/2019

Sesenta nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro plantan un cento de castiñeiros e carballos no monte de San Lourenzo

Sesenta nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro, de idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos, participaron esta mañá no proxecto de repoboación forestal e posta en valor do monte de San Lourenzo, posto en marcha polo Concello de Lousame e no que se están a investir 33.500 euros, grazas a unha achega da Consellería do Medio Rural. Unha actividade na que a rapazada estivo acompañada polo profesorado do centro, así como pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; técnicos de Protección Civil de Lousame e operarios encargados da repoboación deste monte.

Publicado el 09/04/2019

Abertas as inscricións no VII Torneo Fútbol Base F8 Lousame, que terá lugar o mércores 1 de maio no campo de fútbol de Cabanetán

O Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame e a Federación Galega de Fútbol, organiza a sétima edición do Torneo Fútbol Base F-8 Lousame 2019, nas categorías benxamín e alevín, que terá lugar o mércores 1 de maio no campo de fútbol de Cabanetán (Lesende). As inscricións son totalmente de balde e estarán abertas ata o vindeiro 23 de abril no mail clublousamedeporte@gmail.com ou nos teléfonos 620 850 345 e 657 014 755.

Publicado el 04/04/2019

Lousame organiza este domingo a xornada “Deporte na rúa” na praza do Concello

O Concello de Lousame conmemorará este domingo 7 de abril, de 11:00 a 13:00 horas, o Día Mundial da actividade física con “Deporte á rúa”, unha iniciativa que inclúe un amplo programa de actividades deportivas e de ocio organizadas pola Concellería de Deportes lousamiá en colaboración co Club Lousame Deporte. A participación, totalmente libre e de balde, está aberta a toda a veciñanza, independentemente da súa idade e condición física, se ben algunhas das modalidades están especialmente pensadas para a mocidade.

Publicado el 02/04/2019

Últimas horas para anotarse no Portus Apostoli Trail (Noia), que terá lugar na mañá deste domingo 7 de abril en Noia e Lousame

O concelleiro de Deportes do Concello de Noia, Ramón Santos, reuniuse co responsable de Arousa Neo, Eduardo Iglesias, para ultimar os detalles do Portus Apostoli Trail, cuarta proba do V Revolution Trail Series que terá lugar este domingo 7 de abril entre os municipios de Noia e Lousame. Unha proba organizada por Arousa Neo, en colaboración co Concello de Noia e co patrocinio de Revolutrion.

Publicado el 15/03/2019

A Casa da Cultura de Lousame acolle mañá sábado a proxección do documental Idénticas

A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá sábado 16 de marzo, ás 19:00 horas, a proxección de “Idénticas”, unha peza elaborada por Luís Avilés Barquero e que recibiu recentemente o premio “Mestre Mateo” ao mellor documental do ano 2018. A cinta ten unha duración de 65 minutos e recolle a realidade da familia de Cayetana e Celia, dúas irmás xemelgas que sofren unha enfermidade ultrarrara como é a heteroplasia ósea progresiva. A entrada é libre e de balde.

Publicado el 14/03/2019

O Concello de Lousame abre mañá venres o prazo de reserva de praza no Punto de Atención á Infancia para o curso 2019-2020

O Concello de Lousame informa de que o período para a reserva de praza no Punto de Atención á Infancia, centro para menores de 0 a 3 anos, estará aberto entre mañá venres 15 de marzo e o vindeiro 15 de abril. As persoas interesadas poden dirixirse aos Servizos Sociais municipais, onde se lles facilitará a información e a documentación precisa, ou descargar a solicitude da páxina web municipal: www.concellodelousame.gal.

Publicado el 07/03/2019

Lousame conmemora mañá venres o Día da Muller coa mostra “A metade do ceo”, de José Tembra, e a entrega dos premios do concurso de fotografía “Nós compartimos... e ti?”

A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres 8 de marzo dúas actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller. Ás 20:00 horas abrirase ao público unha mostra coas 15 fotografías participantes no concurso “Nós compartimos... e ti?”, que se levou a cabo durante os quince últimos días na páxina en Facebook do Concello de Lousame.

Publicado el 06/03/2019

Os maiores do programa Activa-Mente celebran a súa gran festa de Entroido

Unha ducia dos maiores do Programa Activa-Mente de Lousame desafiou as fortes choivas rexistradas na tarde/noite de onte martes e celebrou a súa tradicional festa de Entroido, nas instalacións do Club de Xubilados de Aldeagrande. Unha festa á que asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.