A XUNTA DESTACA EN BOIRO A IMPORTANCIA DE IMPULSAR A ECONOMÍA SOCIAL CON EMPRESAS ENFOCADAS ÁS PERSOAS

A XUNTA DESTACA EN BOIRO A IMPORTANCIA DE IMPULSAR A ECONOMÍA SOCIAL CON EMPRESAS ENFOCADAS ÁS PERSOAS

Escrito el 16/04/2019


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe en Boiro, durante a visita que realizou á cooperativa Ría de Arousa, a importancia de impulsar a economía social en Galicia, xa que promove a consolidación de empresas enfocadas ás persoas e cunha maior cohesión territorial e social.

 

Neste sentido, puxo en valor o traballo realizado por Ría de Arousa que centraliza toda a súa actividade na nave de Abanqueiro -tanto a depuradora, como a cetaria e o criadeiro de ameixa- apostando unicamente polo marisco galego procedente da pesca artesanal.

 

Tras a visita ás instalacións, a secretaria xeral tivo a oportunidade de coñecer os proxectos que a cooperativa vai poñer en marcha proximamente á vez que trasladou a importancia de apostar por este sector do que forman parte máis de 3000 entidades entre cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral e centros especiais de emprego cun volume de negocio de 3000 millóns de euros e que xeran preto de 14.500 empregos directos. Así, subliñou que Galicia conta coa primeira Estratexia de Economía Social que ten como obxectivo xerar 3000 empregos e 300 novas entidades ata 2021 a través de 25 medidas nas que os retos son sumar capacidades, sustentabilidade e identidade.

 

Toca lembrou tamén que ata o vindeiro 30 de abril está aberto o prazo para presentar as solicitudes dos Premios á cooperación que teñen como obxectivo recoñecer o labor e esforzo das cooperativas galegas, así como fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores. As modalidades deste ano son tres. Deste xeito, premiarase á  mellor cooperativa nova, á traxectoria cooperativa e outorgarase o premio aos valores cooperativos, que se concede á cooperativa que máis teña destacado no impulso dos principios cooperativos. Cada un destes galardóns está dotado con 5000 euros.