OS SERVIZOS SOCIAIS DE RIVEIRA IMPULSAN UN INNOVADOR PROXECTO DIRIXIDO A DESENVOLVER O POTENCIAL CREATIVO DOS ADOLECENTES

OS SERVIZOS SOCIAIS DE RIVEIRA IMPULSAN UN INNOVADOR PROXECTO DIRIXIDO A DESENVOLVER O POTENCIAL CREATIVO DOS ADOLECENTES

Escrito el 22/04/2019


Os Servizos Sociais Municipais do Concello de Riveira poñen en marcha un innovador proxecto de ocio comunitario que, baixo o título de “Express-Arte”, ten como principal obxectivo desenvolver o potencial creativo e expresivo da poboación adolescente a través do achegamento de técnicas artísticas e, a modo de complemento, tamén coa realización de actividades lúdicas xunto coas súas familias.

 

Esta iniciativa, que conta con financiamento do Concello, o Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, está dirixida a persoas que forman parte do Programa de Educación Familiar.

 

Mercado

“Express-Arte” inclúe dous tipos de accións. En primeiro lugar, un obradoiro de expresión artística que ten lugar todos os xoves de 17 a 20 horas no primeiro andar do mercado municipal. Este taller nace dun concepto innovador que nada ten que ver coas clases de manualidades e de plástica típicas dos colexios. Nel participan usuarios con idades comprendidas entre os 11 e os 18 anos, que terán ao seu dispor materiais plásticos para que a través de diferentes dinámicas e técnicas vaian descubrindo novas formas de expresarse.

 

E en segundo lugar, unha vez ao mes terá lugar unha actividade de ocio en familia no que o grupo de asistentes aos obradoiros interectuarán non só entre si senón tamén con irmás, irmáns e persoas adultas. A primeira acción terá lugar no mes de maio.

 

Aínda que xa comezou no pasado marzo, quedan prazas vacantes no proxecto, que ten un máximo de 15 usuarios. Para poder participar resulta imprescindible formar parte do Programa de Educación Familiar, co cal aquelas familias interesadas que non estean dentro deste plan terán que solicitar unha cita nos Servizos Sociais para manter unha entrevista coa educadora social co obxecto de valorar a pertinencia da súa inclusión no citado programa.

 

[Para máis información sobre o proxecto pódese consultar a web do concello no departamento de servizos sociais - programa de educación familiar, ou contactar directamente cos Servizos Sociais]