Vinte e nove concellos participan na nova edición do programa "Libros para sermos libres" da Deputación da Coruña

Vinte e nove concellos participan na nova edición do programa "Libros para sermos libres" da Deputación da Coruña

Escrito el 22/04/2019


A Deputación da Coruña completa, nesta terceira edición, a presenza na totalidade de concellos co programa "Libros para sermos libres" co que este 23 de abril conmemora o Día do Libro. Con esta iniciativa, a área de Cultura distribúe en todo o territorio libros que formaban parte do seu fondo editorial e estaban xa fóra de circulación.

 

Bibliotecas, mercados, centros de saúde ou escolas son algúns dos espazos escollidos polos concellos para organizar os actos en que se repartirán volumes do programa "Libros para sermos libres" da Deputación da Coruña co que se conmemora o Día do Libro. En total, serán 6.000 volumes cos que se completan os máis de 19.0000 que se destinaron a esta iniciativa que se desenvolveu ao longo dos tres anos na totalidade de concellos da Coruña.

 

"Queremos conmemorar o Día do Libro da man dos concellos, facendo un reparto de volumes que forman parte do fondo da Deputación da Coruña e que, desta maneira, chegan a lectoras e lectores de maneira directa nun día de festa", sinala a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei.

 

Desta maneira, este 23 de abril, día en que se conmemora o Día do Libro, serán 29 os concellos en que se repartirán libros en distintas fórmulas nesta terceira conmemoración do programa en que se inclúen tamén as tres cidades, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol.

 

"Son libros que xa estaban no fondo e que se reparten con actividades que organizan os propios concellos arredor dos libros da Deputación da Coruña nunha iniciativa da que temos moi boas experiencias nas anteriores edicións", sinala Goretti Sanmartín.

 

O programa, preparouse nunha xuntanza en que participou persoal técnico e político das áreas de cultura dos concellos co obxectivo de organizar actos de animación á lectura con motivo da conmemoración. Neste sentido, os concellos optaron, maiormente, por organizar actos de reparto en espazos públicos moi visitados que van desde centros de saúde a mercados mais, fundamentalmente, escolleron as bibliotecas municipais para conmemorar a data.

 

Libros de poesía, teatro, narrativa, ensaio e investigación compoñen o fondo que a Deputación da Coruña saca do seu fondo para difundilo a través deste programa que inclúe, de maneira especial, algúns dos títulos premiados nas distintas convocatorias de premios da institución, dos Torrente Ballester de narrativa ao González Garcés de Poesía pasando polo Dieste de Teatro, o Castelao de Banda Deseñada ou o Manuel Munguía de ensaio.

 

Aranga, Ares, A Baña, Bergondo, Cabanas, Carballo, Carral, Cedeira, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Dodro, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Frades, Malpica, Mesía, Noia, Ordes, Outes, Oza-Cesuras, Paderne, San Sadurniño, Santiago, As Somozas, Tordoia, Vedra e Vilarmaior son os concellos que acollen esta terceira edición de "Libros para sermos libres".

 

Horas e lugares dos actos este día 23 nos concellos

 

ARANGA    Ás 13,30 h no CEIP A Castellana

ARES      De 9:30 A 13:30 h. e de 16:30 a 19:30 h. na Biblioteca Municipal

BERGONDO     De 16 a 20 h. e de 10 a 13 h. na Biblioteca Pública Municipal CABANAS    11 h. no Departamento Cultural do Concello

CARBALLO    Puntos Bookcrossing

CARRAL    Todo o día na Biblioteca Municipal

CEDEIRA    De 9 a 14:30 e de 17 a 20 h, na Biblioteca Municipal

CORISTANCO    De 10 a 13 h. e de 16 a 19 h. na Biblioteca

A CORUÑA    Nas Bibliotecas Municipais, no horario de apertura

CULLEREDO Ás 18 h.  na Biblioteca González Garcés e na Axencia de

DODRO    Ás 16:30 h. na Biblioteca Pública Municipal

DUMBRIA    Ás 18 h. nas Bibliotecas e ás 11 h. no albergue e nos centros de Saúde.

FERROL    A partir das 11 h. na Biblioteca Municipal

FISTERRA    De 10 a 13:30 h. na Feira

FRADES    Ás 17:30 h. no Edificio Multiusos

MALPICA     De 16 a 20 h. na Biblioteca Educardo Blanco Amor

MESÍA    Desde as 16 h até as 19 h. na Casa da Cultura

NOIA               De 8 a 21 h. na Biblioteca

ORDES    Todo o día na Biblioteca Municipal

OUTES    Ás 18:30 h. na Biblioteca Municipal

OZA-CESURAS    De 10 a 14 h. na entrada do Concello

SANTIAGO    Ás 12 h. na Praza de Abastos

AS SOMOZAS    Ás 12 h. no Colexio Público O Marbán

TORDOIA    De 16 a 21 h. na Casa da Cultura

VEDRA    De 9 a 15  e de 16 a 20 h. no salón de Plenos.

VILARMAIOR    Ás  12:00 h,  no CEIP de Torres e no Local Social e Deportivo de Torres.

 

Os concellos da Baña e Paderne realizarán os actos o día 26 de abril, o primeiro ás 20 horas na Casa da Cultura e o segundo ás 12 horas no Concello. Bergondo centra a iniciativa na Biblioteca Pública de 22 a 27 de abril e en San Sadurniño agardan para o día 28 na Feira da Plantación ás 11 horas.