O pleno da Deputación da Coruña aproba as primeiras 328 obras do Plan Único 2019 nos concellos da provincia

O pleno da Deputación da Coruña aproba as primeiras 328 obras do Plan Único 2019 nos concellos da provincia

Escrito el 26/04/2019


O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o Plan Único (POS+2019). Unha inxección económica de 92,3 millóns de euros destinada a  financiar investimentos e mantemento de servizos públicos esenciais nos concellos da provincia.

 

Dos máis de 100 millóns de euros consignados no Plan Único para 2019, os concellos coruñeses solicitaron un total de 92.293.996,61 euros, dos que un 77% (preto de 71 millóns) se destinarán a investimentos en obras de construción e mellora de infraestruturas na totalidade dos municipios da provincia.

 

No pleno de hoxe aprobáronse as primeiras 328 obras solicitadas polos propios concellos. Unha cifra importante que se incrementará notablemente ao longo do ano, pois os fondos do plan inclúen 39 millóns de euros adicionais incorporados a través de expedientes de modificación de créditos que aínda non teñen destino, pero deben destinarse a investimentos financeiramente sostibles durante este exercicio.

 

 

 

Construción de parques infantís, obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras en centros educativos ou deportivos municipais , creación de xardíns e zonas verdes, rehabilitación de locais veciñais ou obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais son algúns dos investimentos que o Plan Único financiará este ano na provincia da Coruña.

 

O POS+2019 destina ademáis un 20% do seu orzamento (19 millóns de euros) ao sostemento de servizos públicos esenciais coma o alumeado público, a recollida de lixo e a limpeza viaria en 80 concellos coruñeses; 1,2 millóns á redución da débeda municipal e algo máis de un millón de euros a axilizar o pago a provedores dos municipios.

 

Mellora das infraestruturas e a economía

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a contribución do Plan Único “para mellorar as infraestuturas, a calidade de vida e a economía nos concellos coruñeses, cun investimento histórico que coloca á Deputación da Coruña como unha das que máis recursos destina aos concellos baseándose en criterios obxectivos e deixando que sexan os propios municipios os que decidan a finalidade dos fondos”.

 

O deputado responsable da área de Plans, Xosé Regueira, detallou os investimentos do Plan, “que permitirán a execución de 328 obras e a redución da débeda municipal en 17 concellos por 1,2 millóns” e sostivo que “é unha boa noticia da que temos que estar orgullosos”.

 

Dende a súa creación en 2017, o plan permitiu a execución de 1.474 obras de construción ou mellora de infraestruturas públicas, contribuíu a reducir a débeda dos municipios coruñeses en 10,7 millóns de euros e permitiu aos concellos axilizar o pago de máis de 7,8 millóns de euros aos seus provedores, contribuíndo así a sanear as economías municipais.