O Concello de Lousame aproba unha modificación de crédito de 45.000 euros para equipamento nun parque público de Camboño e pavimentación e saneamento en Figueroa

O Concello de Lousame aproba unha modificación de crédito de 45.000 euros para equipamento nun parque público de Camboño e pavimentación e saneamento en Figueroa

Escrito el 27/04/2019


O Concello de Lousame celebrou na noite de onte venres unha sesión plenaria e urxente para aprobar unha modificación de crédito e cambiar a data da sesión plenaria ordinaria de maio, que coincidía o venres 26 de maio ás 20:30 horas, derradeiro día da campaña electoral ás eleccións municipais e europeas.

 

O pleno aprobou, cos 5 votos a favor do PP e as tres abstencións do PSOE, un expediente de modificación de crédito por 44.869 euros para acometer dúas actuacións: 17.953 euros para dotar de equipamento (bancos, papeleiras...) o parque público de Camboño e outros 26.916 euros para traballos de reparación e saneamento da aldea de Figueroa (parroquia de Tállara). Unhas actuacións que se farán con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería, que ascende a 279.291,54 euros, e toda vez que son operacións financeiramente sostibles e non é preciso destinar nada do remanente a reducir débeda, xa que o endebedamento do Concello de Lousame é cero.

 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “este ano melloramos a capa de rodaxe do acceso a esta aldea en dous tramos de case medio quilómetro e dotámolo de recollida de augas pluviais, pero quedou unha zona próxima ao lavadoiro e ao cruceiro onde non puidemos actuar nese momento e que imos acometer agora”. As obras realizadas permitiron ampliar en 1,5 metros os accesos a Figueroa, que nalgún tramo eran de apenas 3,5 metros, así como executar 4 arquetas de sumidoiro para a recollida de pluviais e reparar as fochancas existentes antes de mellorar a capa de rodadura con 5 centímetros de aglomerado en quente.

 

Os dous grupos municipais estiveron de acordo en cambiar a data do pleno ordinario de maio ao mércores 8 de maio, ás 20:30 horas, para que non coincidira cos actos de fin de campaña das eleccións municipais.