A Deputación da Coruña protagoniza esta semana a Feira Ibérica de Turismo da Guarda en Portugal

A Deputación da Coruña protagoniza esta semana a Feira Ibérica de Turismo da Guarda en Portugal

Escrito el 29/04/2019


A Deputación da Coruña será o destino convidado na VI Feira Ibérica de Turismo (FIT) da Guarda, Portugal, que terá lugar do 2 ao 5 de maio. Con este obxectivo, a Deputación preparou un intenso programa de actividades culturais e de promoción dos recursos turísticos e, de maneira especial, a nosa gastronomía tradicional e contemporánea.

 

O deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participará no acto de inauguración da FIT que terá lugar o vindeiro 2 de maio, na que a institución contará cunha presenza especial na condición de destino convidado. "Para nós é unha grande honra ocupar ese espazo privilexiado no programa da feira, sabendo ademais a repercusión que ten para promover os recursos turísticos nun evento de especial interese e impacto", sinala Xosé Regueira ao tempo que destaca a necesidade de intensificar a relación con Portugal, cunha historia común mais tantas veces "de costas dadas".

 

Un intenso programa

 

O colectivo "Coruña Cociña" terá unha presenza singular no programa da FIT con presentacións e showcooking de Chisco Jiménez, Álvaro Gantes, Pablo Pizarro, Tino Otero ou Antonio Amenedo.

 

Como en todas as feiras de turismo nas que participa, a Deputación da Coruña convidou aos concellos a achegar as súas propostas para o programa da FIT e, desta maneira, o evento acollerá unha mostra ao vivo de Olería de Buño, a actividade das redeiras de Malpica, as palilleiras de Camariñas, a presentación do Gran Trail da Costa da Morte, a batucada de Laxe ou o Asalto ao Castelo de Vimianzo. Coa especial relevancia que ten a gastronomía no programa da Feira, a Deputación da Coruña, cos concellos, levará produtos tradicionais como o pan e as empanadas de Carballo, as tortas de Santiago, as filloas de Zas, as troitas de Oroso, os pinchos irmandiños de Vimianzo ou os queixos da Capela e Moeche.

 

Xunto á programación de presentacións e propostas turísticas, a Deputación da Coruña achega á FIT un programa cultural que inclúe actividades relacionadas co contido do evento como os contacontos de Pedro Brandariz ou "Saaabor" de Fran Rei e Félix Rodríguez, dirixida por Avelino González.

 

"O turismo, é unha boa oportunidade de romper esta tendencia ao descoñecemento, e de que voltemos a encontrarnos e recoñecernos", afirmou, destacando tamén o interese comercial da FIT para o turismo da Coruña que se promocionará de maneira especial no evento dándolle tamén un protagonismo especial tanto á gastronomía tradicional como a nova cociña coa presenza dalgúns dos máis prestixiosos nomes da actualidade. "Somos unha excelente opción para un turismo de dous, tres ou catro días, un turismo de proximidade, como tamén nós vemos en Portugal sempre esa opción segura e que nunca defrauda", destacou Xosé Regueira xa na presentación do programa en Portugal, para facer fincapé no interese da presenza da Deputación na FIT2019.

 

Maior evento turístico asociado ao territorio

 

A FIT está considerada a segunda feira do sector en Portugal, despois de Lisboa, con especial atención ao turismo transfronteirizo nun encontro que promove o turismo de proximidade.

 

A Feira rexistrou na súa sexta edición a presenza de 150 expositores e medio milleiro de empresas e institucións de relevancia no sector turístico. A feira pasou de 4.000 m2 e 20.000 visitantes na primeira edición aos case 11.000 m2 cos que contará este ano en que se agardan superar os 35.000 visitantes de 2018. Está considerada tamén o maior evento asociado a territorio, con especial destaque en natureza, turismo e aventura.

 

A Feira Ibérica de Turismo recibe expositores principalmente de toda a península e preséntase como "plataforma transfronteiriza no panorama nacional e ibérico dos eventos ligados ao Turismo e unha oportunidade singular de divulgación, promoción, captación e desenvolvemento de fluxos turísticos e de valoración de recursos".

 

Os seus obxectivos principais son o fomento do intercambio estratéxico e económico transfronteirizo e o estímulo da relación comercial no territorio peninsular. A presentación de produtos, servizos e recursos turísticos protagoniza o programa dun evento que conta cunha vertente profesional e de negocios e tamén outra destinada ao público en xeral, con actividades culturais e de lecer como propostas.