Lousame acolle esta fin de semana o espectáculo A Feira das Linguas e a súa Xuntanza de Música Tradicional

Lousame acolle esta fin de semana o espectáculo A Feira das Linguas e a súa Xuntanza de Música Tradicional

Escrito el 03/05/2019


A programación cultural no Concello de Lousame para esta fin de semana ten dúas citas destacadas: o espectáculo A Feira das Linguas de Lydia Botana o sábado e a Xuntanza de Música Tradicional o domingo.

 

A Feira das Linguas ofrecerase a partir das 18:00 horas de mañá sábado na Casa da Cultura. Trátase dunha representación de teatro musical para nenos e nenas a partir de sete anos de idade, na que Lydia Botana conta a historia da lingua galega coas cancións e ritmos máis actuáis. Mediante versións en galego-portugués e con estilos como o trap e rap, e botando man de moito humor, o espectáculo serve para promover o galego entre a poboación máis nova.

 

O domingo, o campo da festa de San Roquiño, en Tállara, acolle a partir das 18:00 horas a xuntanza de música tradicional galega na que participarán seis grupos folclóricos: Queicoa, a asociación cultural Canlebó de Camboño, a asociación cultural O Son do Pote de Tállara, o alumnado da UNED Senior de Lousame, a coral de Cando e o grupo de música tradicional de Xolda da Laracha. O festival está aberto a toda a veciñanza.

 

Esta actuación prográmase dentro da decimosétima edición da Festa do Galego do Concello de Lousame, que culminará como todos os anos na mañá do 17 de maio coa tradicional homenaxe a Cernadas de Castro en Fruíme.