Máis de 250 persoas participaron na Xuntanza de Música Tradicional de Lousame

Máis de 250 persoas participaron na Xuntanza de Música Tradicional de Lousame

Escrito el 06/05/2019


Máis de 250 veciños e veciñas encheron o campo da festa de San Roquiño (Tállara-Lousame) na tarde de onte domingo para asistiren á xuntanza de música tradicional galega, unha actuación programada dentro da XVII Festa do Galego do Concello de Lousame, que culminará na mañá do 17 de maio coa tradicional homenaxe a Zernadas de Castro en Fruíme.

 

O tempo acompañou, e polo campo da festa de San Roquiño foron pasando os grupos Queicoa, a asociación cultural Canlebó de Camboño, a asociación cultural O Son do Pote de Tállara, o alumnado da UNED Senior de Lousame, a coral de Cando e o grupo de música tradicional de Xolda da Laracha, que remataron facendo unha actuación conxunta.

 

XVII Festa do Galego

 

Esta xuntanza abre a programación da XVII Festa do Galego do Concello de Lousame, que continuará este venres 10 de maio coa presentación do libro “Roteiros literarios: coñecendo a Antonio Fraguas”, da man da coordinadora da publicación, Charo Baleirón; a editora, Laura Rodríguez; e unha das autoras, Belén Rodríguez. Será ás 20:00 horas na Casa da Cultura. Un día despois, o sábado 11 de maio, a pintora Marisa Redondo presentará unha exposición de pintura ás 12:00 horas na Casa da Cultura lousamiá.

 

O venres 17 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar a  tradicional homenaxe a Zernadas de Castro no atrio da Igrexa de Fruíme. Un acto que este ano contará coa presentación do libro “O ilustrado cura de Fruíme”, de Carlos García Cortes. A programación pecharase cunha actuación de Fantoches Baj, “Os Romeiros do Caracol”, o sábado 18 de maio, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame.

 

Todas as actividades son de participación libre e de balde.