ANATOMÍA DUNHA SEREA, XOVES E VENRES ÁS 20.30 H. NO TEATRO PRINCIPAL DE SANTIAGO

ANATOMÍA DUNHA SEREA, XOVES E VENRES ÁS 20.30 H. NO TEATRO PRINCIPAL DE SANTIAGO

Escrito el 08/05/2019


O Teatro Principal de Santiago acollerá os días 9 e 10 de maio dúas novas funcións de Anatomía dunha Serea, un espectáculo baseado nunha historia de vida de Iria Pinheiro e desenvolvido na Berberecheira, o laboratorio de creación escénica de Chévere, que aborda o tema da violencia obstétrica.

Protagonizado pola propia Iria Pinheiro, producida por Chévere e dirixida por Xron, a obra toma como referencia o nacemento do fillo da propia actriz no 2016, que acabou converténdose nunha experiencia traumática.

Anatomía dunha serea, nace da necesidade de contar unha historia íntima, de transformar un acontecemento único e ao mesmo tempo común a moitas mulleres nun acto escénico compartido. Un relato aparentemente unipersoal e illado que de pronto ten eco noutras persoas en todo o mundo e se converte nunha historia global contada nunha voz soa.

Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.

Equipa técnica e artística

Actriz protagonista: Iria Pinheiro. Escrita: María Lado, Iria Pinheiro. Dramaturxia, dirección: Xron. Escenografía, atrezzo e iluminación: Suso Jalda. Vestiario: Iria Pinheiro e Carmiña de Saladina. Espazo sonoro: Iria Pinheiro e Juanma Ons. Guía didáctica: Iria Pinheiro. Fotografía: Paula Pez. Vídeo: Adarme visual. Comunicación: Xana García. Xefa de produción e asistencia de dirección: Patricia de Lorenzo.

 

Entradas

As entradas para o espectáculo pódense mercar na páxina https://compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal.

Actividades complementarias

POSFUNCIÓN: ao remate da función o 9 de maio os/as convidados/as, persoas con relación coas temáticas tratadas nas pezas, ofrecerán o punto de vista práctico, serán quen contraste o que a obra conta, o que “quere dicir” con como se vive desde a realidade do presente esas mesmas situacións. A partir de aí, o debate estará aberto ao público asistente e aos elencos artísticos.

Sobre a violencia obstétrica

O tema central deste traballo é a violencia obstétrica. Enténdese por violencia obstétrica calquera acción que patoloxice os procesos reprodutivos naturais e biolóxicos. Exprésase nun trato deshumanizado por parte dos profesionais da saúde, nun abuso de medicalización e patoloxización dos procesos naturais que trae consigo a perda de autonomía e capacidade por parte das mulleres para decidir libremente sobre os seus corpos e sexualidade, o que impacta negativamente na súa calidade de vida.

As Nacións Unidas definen a violencia contra a muller como «todo acto de violencia de xénero que resulte, ou poida ter como resultado un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada». Así, podemos afirmar que a violencia obstétrica é unha forma de violencia de xénero.

Sobre a Berberecheira

Anatomía dunha Serea é o terceiro proxecto sementado na Berberecheira, un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere en Teo para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable da compañía.

Con esta nova obra a Berberecheira segue desenvolvendo o plan de traballo iniciado en 2015, que da prioridade a proxectos escénicos que documenten experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos. As dúas anteriores foron Goldi Libre, de César Goldi (sobre o movemento de insubmisión ao exército) e Salvador, de Borja Fernández (sobre o impacto da emigración e a ausencia nas xeracións seguintes). Esta nova peza, ao dar voz a un tema que permanece pechado na intimidade de moitas mulleres, ofrece un elemento engadido de singularidade e interese.