O Concello de Noia aplica un tratamento preventivo do picudo nas palmeiras da Alameda

O Concello de Noia aplica un tratamento preventivo do picudo nas palmeiras da Alameda

Escrito el 15/05/2019


O Concello de Noia continúa coa campaña preventiva contra o picudo nas árbores de titularidade municipal posta en marcha en 2016 e que permite que todas elas estean nun correcto estado sanitario. Durante a xornada de hoxe procedeuse á aplicación do tratamento fitosanitario nas palmeiras da Alameda de Noia.

 

A concelleira de parques e xardíns, Mariola López Cierto, explica que “empezamos no 2016 cunha campaña de información veciñal, para que os particulares coñeceran o problema, e cun tratamento fitosanitario que se aplica tres veces ao ano. Algunhas estaban afectadas e non se puideron recuperar, polo que foron retiradas de acordo co procedemento establecido, pero dende entón as que están na Alameda, nos xardíns Felipe de Castro e no IES están en perfecto estado”.

 

López Cierto lembra que “fomos dos primeiros concellos en actuar contra o picudo e levamos case tres anos tratándoas e comprobamos que o tratamento ten unha eficacia no 85-90% dos casos”. A aplicación do produto faise cunha varilla telescópica coa que “se ducha” á palmeira. Faise a primeira hora do día e tres veces ao ano. “Sabemos que as palmeiras de moitos municipios están asoladas polo picudo pero, grazas a estas actuacións preventivas, as nosas están en bo estado”, afirma a concelleira.