Medio ambiente analiza expedir carnés de guías autorizados polo parque nacional das illas atlánticas para evitar o intrusismo laboral

Medio ambiente analiza expedir carnés de guías autorizados polo parque nacional das illas atlánticas para evitar o intrusismo laboral

Escrito el 18/05/2019


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo con membros da Asociación de guías acreditados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Agaias), aos que trasladou o compromiso de analizar a expedición de carnés nos que se recoñeza a condición de guía autorizado do Parque Nacional. Esta é unha das demandas do colectivo, que denuncian a situación de competencia desleal e intrusismo laboral.

 

A directora xeral recordou que a Xunta organiza cursos de formación, polo que as Illas Atlánticas consolídanse como o parque nacional de España que cada ano forma a un maior número de guías especializados. Salientou que o Plan Reitor de Usos e Xestión, aprobado recentemente, e o Plan Director da Rede de Parques Nacionais indican a necesidade de superar un curso de formación para poder exercer como guía autorizado no Parque.

 

Salientou que estas actividades formativas para acreditarse como guías do parque nacional e poder traballar tanto para a administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental, impártense en Galicia desde o ano 2005 e encádranse na aposta da Consellería de Medio Ambiente por potenciar o chamado ecoturismo. Engadiu que a Xunta quere buscar neste tipo de turismo respectuoso e sustentable un aliado para a conservación e a divulgación de todos eses elementos que converten ás Illas Atlánticas na maior xoia natural da Comunidade.

 

Nese sentido, indicou que o carné identificador é unha boa maneira de ter un punto diferenciador con todas as persoas que exercen o labor de guía no Parque Nacional, ao tempo que resulta unha ferramenta útil para ter un seguimento de guías formados e que realizan este traballo no sector público e privado.

 

No encontro tamén asumiron o compromiso de intercambiar información sobre os distintos cursos e actividades divulgativas que realiza o Parque, co fin de que os guías trasladen esta información aos participantes nas visitas guiadas. Manifestou que estes profesionais supoñen un activo importante para garantir un dobre obxectivo, protexer este espazo natural e contribuír a divulgar os principais valores entre veciños e turistas do único parque nacional que existe na Comunidade.