Carlos García Cortés presenta o libro “O ilustrado cura de Fruíme” no Instituto Teolóxico Compostelano

Carlos García Cortés presenta o libro “O ilustrado cura de Fruíme” no Instituto Teolóxico Compostelano

Escrito el 22/05/2019


Carlos García Cortés, profesor emérito do Instituto Teolóxico de Compostela, vén de presentar en Compostela o seu libro “O ilustrado cura de Fruíme: Diego Antonio Zernadas de Castro (1702-1777)”, editado polo Concello de Lousame. “Un libro que naceu dun compromiso da alcaldesa hai un ano dentro da capela de Fruíme. Dixo que se me comprometía a ter o libro, eles o publicarían. E sacaron a primeira edición enteira porque queren que cada veciño de Lousame teña o seu exemplar na casa”, explicou García Cortés no Instituto Teolóxico Compostelano durante a presentación do libro.

 

Un acto no que García Cortés estivo acompañado por José Antonio Castro Lodeiro, director do Instituto Teolóxico Compostelano; así como por dous docentes do centro: José Fernández Lago, profesor emérito, e Francisco J. Buide del Real, profesor. García Cortés indicou aos presentes que “o Concello de Lousame leva anos reivindicando un Día das Letras Galegas para Zernadas de Castro, que estivo a piques de conseguilo en 2002 pero que gañou o Pai Sarmiento”. Porén, asegura que “escribiu 28 poemas en galego, que suman un milleiro de versos, que só por iso merece pasar á historia da literatura galega”.

 

Carlos García Cortés explicou que Zernadas de Castro “non procedía do mundo rural. Era fillo dun notario e naceu en Compostela, na rúa do Franco, e vivía na esquina de Fonseca con Correos”. Sen embargo, pasou toda a súa vida como sacerdote dunha pequena parroquia rural, Fruíme. “Era un home namorado do seu traballo, da súa parroquia”, explicou García Cortés, quen destacou que  “nunca renunciou a ser galego. Era castelán falante, como todo o mundo naquela época. Pero chegou a Fruíme e empezou a darse conta de que tiña que falar a lingua da xente. Escribía cun estilo ilustrado, pero tamén se preocupaba de que os nenos tiveran unha escola, de promover obras sociais, de axudar aos desfavorecidos”.

 

Así mesmo, destacou a retranca dos escritos do cura de Fruíme, quen “chegou a picarse co canónigo de Santiago, que renegaba do galego e chamaba a Zernadas un cura con resabios de gallego”. Así mesmo, indicou que “cando Zernadas de Castro fala de Galicia, fala de nación. Hai políticos e partidos que din que acuñaron este termo nación, pero resulta que xa o usaba o cura de Fruíme dous séculos antes”.