A Praza de Abastos de Noia conmemora mañá venres o Día do Mercado con degustacións de sidra e de empanada e música folk

A Praza de Abastos de Noia conmemora mañá venres o Día do Mercado con degustacións de sidra e de empanada e música folk

Escrito el 23/05/2019


A Praza de Abastos de Noia participa un ano máis na campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia para apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, potenciando así a compra do produto local ao amosar a profesionalidade dos praceiros e praceiras. Así, a Praza de Abastos noiesa, en colaboración co Concello de Noia, organizará mañá venres unha iniciativa promocional entre as 11:00 e as 14:00 horas.

 

Ás 11:00 horas dará comezo unha degustación de empanada entre todos os compradores e compradoras que asistan á praza, á que posteriormente se sumará unha degustación de sidra. Así mesmo, a partir das 12:00 horas, haberá unha actuación dun grupo de música folk. A concelleira de Comercio, Mariola López Cierto, explica que “queremos que moita xente se achegue ata a praza e comprobe que mercar aquí é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada, así como garantía dunha boa compra de produtos locais”.

 

“Quere o teu mercado” é unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove este ano en 86 localidades en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de Comerciantes. Ademais da degustación de mañá, durante esta semana os veciños e veciñas de Noia puideron participar nun concurso de Instagram e Facebook compartindo fotos do mercado noiés para gañar unha mochila térmica e un mandil da campaña.