O Concello de Noia súmase este ano á Rede Galega de Praias sen Fume coas praias de Boa Grande e Boa Pequena

O Concello de Noia súmase este ano á Rede Galega de Praias sen Fume coas praias de Boa Grande e Boa Pequena

Escrito el 01/06/2019


O Concello de Noia vén de sumarse este ano á Rede Galega de Praias sen Fume, unha iniciativa da Consellería de Sanidade nacida no ano 2016 e da que forman parte 79 areais de 45 municipios. Así, na tarde de onte o Concello de Noia procedeu á instalación da correspondente sinalización e materiais de difusión facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública nas dúas praias que se inclúen nesta rede: Boa Grande e Boa Pequena.

 

A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, explica que “o que buscamos é que os nosos mozos e mozas saiban que o normal é non fumar, para que adopten unha actitude negativa cara o tabaco e así evitar que moitos deles comecen a fumar, xa que a imitación dos adultos é un dos principais factores de inicio nesta adicción”. Para iso, o Concello de Noia levará a cabo durante as próximas semanas unha campaña promocional encamiñada a lograr unha sociedade libre de tabaco, instalando dous postos informativos nos areais e outro diante da Casa Consistorial nas que se impartirá información tanto sobre os beneficios de non fumar como sobre como facilitar o abandono do tabaco.

 

Neste sentido, Ángela Neri fai un chamamento á colaboración veciñal xa que “se ben está prohibido fumar na zona da praia, estamos falando dunha elección voluntaria e persoal de cada veciño e veciña. Non se trata dunha campaña sancionadora e con afán recaudatorio. De feito, nos areais que estamos unidos á Rede Galega de Praias sen Fume non hai vixilancia nin sancións, polo que apelamos á responsabilidade e participación activa dos veciños e veciñas de Noia no noso obxectivo de promover unha vida sen tabaco e desnormalizar o consumo de tabaco diante dos nosos fillos e fillas”.

 

A Consellería de Sanidade realizou unha enquisa o verán pasado aos usuarios das praias e á poboación en xeral co fin de avaliar a percepción e a resposta á iniciativa. O 71,6% dos usuarios das praias valorou esta iniciativa como boa ou moi boa, isto é 7,4 puntos máis que no 2017. Na poboación xeral, catalogaron esta iniciativa como moi boa ou boa o 78,1%, 4,4 puntos máis que no 2017.