O Concello de Lousame abrirá do 10 ao 13 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, que terá lugar en xullo e agosto

O Concello de Lousame abrirá do 10 ao 13 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, que terá lugar en xullo e agosto

Escrito el 07/06/2019


O Concello de Lousame abrirá do 10 ao 13 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.

 

Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.gal) e presentar a última nómina ou recibo de autónomos (para acreditar a situación laboral e ingresos). Ademais, no caso de menores que non asistisen durante o curso ao servizo Lousame Concilia, deberán achegar a certificación bancaria orixinal do número de conta e impreso de domiciliación bancaria cuberto (que se pode descargar na web municipal).

 

Finalmente, no caso das familias monoparentais será preciso presentar certificado de monoparentalidade emitido pola Xunta de Galicia. No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe nunha única semana ou en días soltos, tamén deberán reservar previamente a praza. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.

 

Baremos

 

No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos (ou un proxenitor no caso de familias monoparentais). Finalmente, outorgarase 1 punto aos menores que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar.

 

En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera. Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.