A Deputación colabora coa Universidade da Coruña na formación de especialistas en protección de datos

A Deputación colabora coa Universidade da Coruña na formación de especialistas en protección de datos

Escrito el 16/06/2019


A Deputación da Coruña colabora co "Curso de Posgrao sobre especialización en cumprimento legal e privacidade" organizado pola Universidade da Coruña co financiamento da matrícula de dez persoas do cadro dos concellos e da propia Deputación. O obxectivo é formar especialistas

 

O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto Vivero e o reitor da Universidade da Coruña, Xulio Abalde asinaron o convenio de colaboración pola que a Deputación se compromete a financiar dez matrículas para o curso de Posgrao sobre especialización en cumprimento legal e privacidade.

 

O curso ten como obxectivo contribuír á formación de especialistas nunha materia de grande actualidade fundamental para funcionamento das institucións como é a a protección de datos persoais ademais de todo o referido a súa identificación, regulación e tratamento.

 

O convenio recolle como un reto o manexo dos datos conforme as esixencias legais para o que se precisa un coñecemento técnico especializado para garantir os dereitos das persoas e evitar sancións pola vulneración da normativa legal.

 

"A iniciativa forma parte do programa que a Deputación desenvolve para contribuír á formación e especialización do persoal das administracións locais, en especial, en materias que están suxeitas a modificacións e son de especial interese para a relación das institucións coas persoas", sinala o deputado Xesús Soto que aposta por unha "administración áxil, moderna, segura e adaptada á sociedade na que vivimos".

 

O curso está organizado pola Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e a Deputación financia dez matrículas a persoas do cadro de persoal de concellos e Deputación de cara a outorgar o título de especialista para o que se destina un orzamento de 15.800 euros.

 

Entre outras materias, o curso inclúe o tratamento de normativa de protección de datos e réxime sancionador, branqueo de capitais anticorrupción, delitos relativos á propiedade industrial, intelectual ao mercado e ás persoas consumidora,  dereito á protección de datos persoais e obrigas de responsábeis do tratamento.