A XUNTA PROMOVE A INTERACCIÓN DO SECTOR DO MAR CO ÁMBITO ACADÉMICO PARA DINAMIZAR O LITORAL DE AROUSA E DO BARBANZA

A XUNTA PROMOVE A INTERACCIÓN DO SECTOR DO MAR CO ÁMBITO ACADÉMICO PARA DINAMIZAR O LITORAL DE AROUSA E DO BARBANZA

Escrito el 15/06/2019


A Consellería do Mar busca a suma de sinerxías entre os profesionais do mar de Arousa e do Barbanza, a Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura para xerar proxectos de dinamización da costa a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) da zona.

 

Así o trasladou esta semana a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, nunha reunión mantida con representantes dos GALP da ría de Arousa e do seo de Fisterra ría de Muros e Noia, do Igafa e da EONP de Ribeira. Nesta xuntanza a directora xeral presentoulles a guía metodolóxica para impulsar actividades e proxectos innovadores protagonizados pola xente do mar na liña de costa que vai desde Rianxo ata Noia.

 

Esta iniciativa, explicou Susana Rodríguez, busca favorecer a innovación e a transferencia de coñecementos entre as institucións educativas e científicas e a xente do mar. Deste xeito, pretenden vincular á xente nova que está a formarse en competencias ligadas ao mar coas persoas activas no sector.

 

Para iso no último trimestre do ano está previsto organizar encontros entre o sector de Arousa e do Barbanza e o alumnado do Igafa e da Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira para identificar temáticas de interese para o sector sobre os que se poidan abordar proxectos. Algúns destes encontros serán promovidos a través de visitas a centros de ensino, laboratorios, lonxas e barcos, entre outros espazos.