Teresa Villaverde toma posesión como alcaldesa de Lousame tendendo a man a todos os grupos para “solucionar os problemas dos veciños e veciñas”

Teresa Villaverde toma posesión como alcaldesa de Lousame tendendo a man a todos os grupos para “solucionar os problemas dos veciños e veciñas”

Escrito el 15/06/2019


Teresa Villaverde Pais foi reelixida esta mañá como alcaldesa do Concello de Lousame polo pleno municipal, onde obtivo o respaldo dos sete concelleiros do Partido Popular. Os tres concelleiros do PSOE e o edil do BNG optaron por respaldar aos seus respectivos candidatos: Julio Paradela e Anxo Moledo, respectivamente.

 

Teresa Villaverde comezou o seu discurso compartindo cos presentes “a emoción que sinto ao ser elixida de novo alcaldesa. Sinto unha mestura de agradecemento, de profunda satisfacción e de responsabilidade”, polo que agradeceu a confianza recibida da veciñanza de Lousame, o traballo realizado polos compañeiros do partido e á súa familia. Un momento, o de nomear á familia, no que a alcaldesa lousamiá se emocionou especialmente pero, tras botar algunha que outra bágoa e tras un par de interrupcións breves, puido continuar co seu discurso.

 

Villaverde Pais asumiu o seu cargo “dende o compromiso fundamental da honestidade” e se comprometeu a “gobernar estes catro anos con lealdade absoluta cara o pobo de Lousame. Cos meus acertos e cos meu erros, primará sempre, por riba de ideoloxías políticas, o interese xeral dos lousamiáns e lousamiás”.

 

Villaverde tendeu a man aos grupos da oposición porque “cando se fala dos veciños e veciñas de Lousame debe ser máis o que nos una que o que nos separe” e pediulles “a mesma lealdade que eu lles ofrezo, non cara a miña persoa, senón cara o pobo de Lousame. Sempre que o fagan, atoparán a mina man tendida”. Neste sentido, lembrou que “a cidadanía deunos unha maioría para ter un goberno estable, pero estou convencida da importancia de que existan consensos básicos en temas importantes e que haxa un debate político baseado na lealdade e libre de demagoxia partidista”.

 

Neste sentido, Teresa Villaverde lembrou aos presentes que “non vimos aquí a crear problemas. Os veciños nos elixiron para dar resposta ás súas inquedanzas e demandas. Para facer realidade o concello que eles queren. E o faremos escoitando a todos e a todas, estando do lado das persoas”. Por iso, Villaverde quixo compartir o bastón de mando recibido hoxe “con todos os veciños e veciñas de Lousame, pois eles serán os que marquen os meus pasos como alcaldesa”.

 

Toma de posesión

 

O acto de toma de posesión estivo presidido polos populares José Antonio Ces, como concelleiro de maior idade, e Jesús Martínez, como o de menor idade (ambos debutantes hoxe como concelleiros). Os concelleiros electos tomaron posesión dos seus cargos partindo dende o público, que encheu o salón de plenos de Lousame.

 

Acto seguido, todos os concelleiros prometeron ou xuraron os seus cargos. Todos eles utilizaron a mesma fórmula, coa excepción do candidato do BNG que prometeu o cargo “por imperativo legal” e logo de situar un exemplar de “Sempre en Galiza” sobre a Constitución, se ben si fixo mención expresa a respectar o texto constitucional. Despois pasouse á elección da alcaldesa por votación a man alzada.

 

Tras a toma de posesión de Villaverde, quen recibiu o bastón de mando de mans de José Antonio Ces, e unha vez rematado o discurso da alcaldesa, esta cedeulles a palabra aos concelleiros da oposición. O socialista Julio Paradela optou por non intervir, mentres que o nacionalista Anxo Moledo tomou a palabra para anunciar unha oposición intensa e continua dende o primeiro día. Neste sentido, asegurou que “así me aprendeu a facelo unha persoa que hoxe non pode estar aquí connosco”, en referencia, aínda que sen nomeala expresamente, á recentemente falecida Ánxela Franco, concelleira nacionalista en Porto do Son.

 

A corporación municipal queda, pois, do seguinte xeito (en negriña os concelleiros que se incorporan esta lexislatura):

 

María Teresa Villaverde Pais (PP)

Ramón Manuel Martínez Rial (PP)

Silvia Agrafojo Filgueira (PP)

Ramón Figueroa Pérez (PP)

Yésica Fernández Míguens (PP)

José Antonio Ces Barreiro (PP)

Jesús Martínez Castro (PP)

Julio Manuel Daniel Paradela Busto (PSOE)

Beatriz González Bargo (PSOE)

Iván Bermúdez Castro (PSOE)

Anxo Moledo Carreño (BNG)