A Deputación da Coruña contribúe á difusión do proxecto teatral gañador do certame da Fundación Manuel María

A Deputación da Coruña contribúe á difusión do proxecto teatral gañador do certame da Fundación Manuel María

Escrito el 19/06/2019


A área de Cultura da Deputación da Coruña colabora na xira que a compañía Teatro da Ramboia desenvolverá sobre o texto de Manuel María, "O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú", gañadora do I Certame de Proxectos Teatrais Manuel María. O acordo recolle a representación da obra en tres concellos da provincia.

 

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e a presidenta da Casa-Museo Manuel María, Saleta Goi, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para as representacións da obra de teatro gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

 

O convenio contempla como principal obxecto a promoción da representación da obra gañadora do premio entre o publico galego e, desta maneira, a Deputación da Coruña comprométese a participar nunha programación teatral na que se inclúan tres representacións da obra gañadora contratando á compañía Teatro da Ramboia para programar a peza en tres concellos da provincia. A Deputación da Coruña fai unha achega de 7.620 € para o pagamento á compañía polas tres representacións.

 

A iniciativa quere contribuír ao recoñecemento de Manuel María como autor dramático, creador de 36 pezas de distinto formato, desde farsas a autos ou pezas infantís e de temática moi variada, que o converten nun dos dramaturgos galegos máis prolíficos.