A Deputación da Coruña entrega os premios de proxectos educativos e viñetas pola igualdade

A Deputación da Coruña entrega os premios de proxectos educativos e viñetas pola igualdade

Escrito el 19/06/2019


A memoria da deputada de Igualdade e Servizos Sociais recentemente falecida, Ánxela Franco, presidiu o acto de entrega de premios do certame de proxectos educativos pola Igualdade Concepción Arenal que recolleron representantes de centros de ensino de Miño, Carballo e Cambre e nenas e mozas da Coruña e Ferrol. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presidiu o acto e lembrou un lema que a deputada repetía: "para combater o machismo é necesario traballar nas xeracións máis novas".

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e os deputados, Xosé Regueira, Manuel Muíño, Antonio Leira e Xesús Soto participaron na entrega dos premios Concepción Arenal e de viñetas "Muller e migrante" da área de Igualdade e Servizos Sociais que dirixía a deputada Ánxela Franco, finada o pasado 2 de xuño.

 

"Ánxela Franco deixounos dúas mensaxes claras, a primeira é que para combater o machismo é necesario traballar coas xeracións máis novas, para que as mulleres sexan libres e os rapaces tamén se sintan feministas e a segunda é non deixar nunca de pelexar, como ela fixo, traballando no empoderamento feminino en distintos ámbitos", sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención inicial no acto de entrega de premios que se desenvolveu no salón de plenos da Deputación da Coruña no que tamén sinalou o esforzo desenvolvido no mandato que agora remata por contribuír á igualdade desde todos os ámbitos, o emprego, a cultura ou o deporte entre outros.

 

Representantes do CPI Castro Baxoi de Miño, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e do IES David Buján de Cambre  recolleron os premios Concepción Arenal nun acto de entrega en que tamén reciciu unha mención especial o equipo do CE Nosa Señora do Rosario da Coruña.

 

"Explorando a igualdade: Tinogona!" é o título do proxecto co que un equipo do CPI Castro Baxoi de Miño se fixo co premio Concepción Arenal para educación infantil. O xurado decidiu outorgar o premio ao centro de Miño por ser "un proxecto innovador e pedagóxico, cunha elevada implicación do alumnado e un marcado carácter aventureiro".

 

En canto á modalidade de educación primaria, o gañador resultou ser o CEIP Xesús San Luís Romero, do concello de Carballo, co seu proxecto "Revelando igualdade" que, para o xurado ten "unha alta adaptación á realidade social cun bo uso das novas tecnoloxías e un alto valor das imaxes utilizadas".

 

Finalmente, na modalidade de educación secundaria, o premio foi para o IES David Buján do Concello de Cambre co proxecto "Abrindo portas violetas", un traballo, como consta no fallo da convocatoria "afronta dunha forma global o problema da violencia, abrindo, entre outras, unha porta á solidariedade e os dereitos humanos".

 

Mención de honra especial mereceu o traballo "Tempo de mulleres, superando barreiras, alcanzando soños" Nosa Señora do Rosario da Coruña polo esforzo mostrado e pola súa contribución á ruptura das barreiras.

 

 

Nenas e mozas da Coruña e Ferrol gañan o concurso de viñetas

 

Un pleno de mulleres recibiron os premios da X edición do Concurso de Viñetas "Muller e Migrante" da Deputación da Coruña. Un traballo sobre o empoderamento dunha muller afgá valeulle a Irene González Calvo, da Coruña, o primeiro premio do Concurso de Viñetas "Sen Fronteiras", Muller e Migrante na categoría de 12 a 14 anos. Ariadna Anido Rubal, de Ferrol, fíxose co primeiro premio da categoría B, de 15 a 18 anos, cunha denuncia das inxustizas cometidas contra mulleres e nenos e nenas migrantes obrigadas a fuxir en pateiras.

 

O X Concurso de Viñetas "Sen fronteiras", Muller e Migrante, entregou tamén un segundo e terceiro premio que, na categoría de menos idade, foron recaer tamén en autoras da Coruña, en Rosa Aneiros Rosado, o segundo, e Rocío Cerqueiro Canabal, o terceiro.

 

En canto á modalidade dirixida a máis idade, o segundo e terceiro premios foron tamén para dúas mozas da Coruña, as dúas de 17 anos. Andrea Cagiao Mouco fíxose co segundo premio cunha comparación entre dúas mulleres migrantes con distintos recursos e mentalidades mais que teñen que ter os mesmos dereitos e Alicia Tahoces Rodríguez gañou o terceiro premio cunha peza en branco e negro que reflexiona sobre a fuxida de familias dos seus países en guerra e a separación nas fronteiras.

 

Os premios consisten nun iPAD e colección de cómics para os primeiros premios e unha tableta e unha colección de cómics para os segundos e terceiros.