O xornal Gciencia e o proxecto "21 Días co Galego" gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña na súa décima edición

O xornal Gciencia e o proxecto "21 Días co Galego" gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña na súa décima edición

Escrito el 20/06/2019


O portal informativo arredor da ciencia Gciencia e o proxecto "21 Días co Galego" son os gañadores da nova edición do X Premio "Rosalía de Castro" de Lingua da Deputación da Coruña. O certame convócase co obxectivo de recoñecer iniciativas que promoven o uso do galego en todos os ámbitos.

 

A décima edición dos premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña que recoñece cada ano iniciativas que contribúen á normalización lingüística xa ten gañadores en dous proxectos que promoven o uso do galego en distintos ámbitos. Por unha parte, o xornal de información científica Gciencia foi recoñecido polo seu papel na difusión do galego e, pola outra, o proxecto "21 Días co Galego" polo traballo de animación ao uso da nosa lingua na mocidade.

 

O xurado decidiu outorgar o Premio Rosalía de Castro na categoría de colectivo, entidade ou asociación que máis destaca na promoción da lingua galega ao portal Gciencia dirixido por Pablo López e Eduardo Rolland por "contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega".  Segundo apunta o fallo que argumenta a concesión, valorouse tamén que "o proceso de normalización do galego científico é crucial para que as persoas que o falan poidan percibir que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados nesta lingua. Por contribuír á construción dun estándar e difusión da terminoloxía lingüística".

 

Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador resultou ser o proxecto  21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha iniciativa que considera pioneira "para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade". Destaca tamén que o proxecto favorece "a adquisición da competencia en lingua galega xunto coa normalidade do seu uso social na mocidade non galegofalante como primeira lingua ou como lingua de relación habitual".

 

O xurado estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal , Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.

 

GCiencia, segundo a presentación recollida no propio portal, "naceu en novembro de 2013 da man un equipo de profesionais da información co claro obxectivo de achegar a ciencia e a tecnoloxía ao conxunto da sociedade galega. Ao longo da súa traxectoria, gciencia.gal converteuse no nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto de todos os medios galegos na Internet, ademais do primeiro en galego. Conta cunha audiencia mensual superior aos dous millóns de visitas e aos 360.000 usuarios únicos (datos a novembro de 2017). Máis que un medio especializado, GCiencia é unha plataforma aberta a todo tipo de contidos de interese social que rivaliza na internet cos medios xeralistas tradicionais".

 

No proxecto "21 Días co Galego", ideado pola profesora Pilar Ponte, participaron 1.316 alumnos e alumnas dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) que se comprometeron a falar galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas. A experiencia difundiuse por medio de vídeos a través do blog 21diascogalegoemais.gal e nas redes sociais do programa. A canle YouTube rexistrou unhas 15.500 reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado e a páxina de facebook foi vista por 7.634 persoas diferentes, cun alcance da campaña en Twitter de 14.900 persoas.

 

 

Teléfonos de contacto de representantes dos proxectos gañadores:

 

GCiencia 652 05 39 44 (Eduard Rolland / Pablo López)

21 Días co Galego 653 119 622 (Pilar Ponte Patiño)

 

 

Máis información dos proxectos en:

 

 

Gciencia: https://www.gciencia.com/

 

21 Días co Galego https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/