Pontedeume, capital do Camiño Inglés por un día

Pontedeume, capital do Camiño Inglés por un día

Escrito el 22/06/2019


A Deputación da Coruña converteu a Pontedeume na capital do Camiño Inglés coa celebración da feira “Primavera no Camiño” que, por terceiro ano consecutivo, volveu reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento que este ano se celebrou na praza da Alameda da localidade eumesa co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta que conecta os portos de Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Na inauguración do acto, o presidente en funcións da Deputación, Valentín González Fomoso, acompañado polo rexedor eumés e deputado provincial, Bernardo Fernández, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira,  o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e numerosos alcaldes e concelleiros destes dezoito municipios coruñeses, proclamou a Pontedeume como “epicentro por un día dunha ruta xacobea que funde as súas raíces históricas na Idade Media e que, a través dos séculos, contribuíu a forxar a identidade única dos nosos concellos”.

Formoso subliñou “o simbolismo” dun acto “que pon de manifesto o esforzo conxunto que concellos e Deputación estamos a facer dende hai tempo para impulsar o Camiño Inglés e desenvolver un tipo de turismo sustentable, que axude a dinamizar as economías locais. Porque o Camiño é patrimonio, cultura, paisaxe,…pero é tamén economía para os concellos da nosa provincia”, afirmou.

 

 

O presidente provincial manifestou a súa satifacción polo espectacular incremento do número de peregrinos do Camiño Inglés nos últimos anos, que o sitúan como a ruta xacobea que máis medra e que “nos indica que, aínda que queda moito por facer, estamos traballando na boa dirección”.

Un Camiño que vai alén das nosas fronteiras

“Os camiños serven para unir e o Camiño Inglés une dende hai séculos a provincia da Coruña co norte de Europa e as illas británicas, constituíndo unha canle permanente de intercambios culturais, lingüísticos e etnolóxicos que deixaron a súa impronta nos nosos concellos”, afirmou González Formoso, que destacou que “as redes e lazos de cooperación que estamos tecendo co Reino Unido xa deron os seus froitos coa instalación, este mesmo ano, das primeiras sinais oficiais do Camiño en territorio británico, a 2.500 km da praza do Obradoiro, onde unha frecha no entorno da abadía de Finchale indica o quilómetro cero, o punto de partida deste Camiño”.

O presidente lembrou que a Deputación leva anos traballando para “acondicionar e promocionar dentro e fóra de España” este itinerario e apuntou que veñen de rematar unha completa auditoría do trazado “que nos vai permitir levar a cabo unha planificación estratéxica das accións a levar a cabo nos vindeiros anos para seguir potenciando o Camiño Inglés”.

O acto oficial de inauguración rematou coa entrega dun galardón ao cronista oficial de Betanzos, Miño e Paderne, José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, polo seu traballo durante anos para dar a coñecer a historia do Camiño Inglés.

Gastronomía do Camiño

Varias carpas en un gran palco situados na praza da Alameda acolleron os numerosos postos nos que os dezoito concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) deron a coñecer a súa variada oferta turística e cultural con diferentes actividades que incluiron actuacións musicais, showcooking en vivo da Asociación de Hostalaría de Ferrol, visitas guiadas por Pontedeume e degustación de distintos produtos típicos.

A feira contou durante toda a xornada cunha numerosa afluencia de público que puido degustar tortilla de Betanzos, troitas de Oroso, pan de Neda e Carral, queixos do Eume, viño Branco Lexítimo da comarca betanceira, queiques de Ordes, proia de Pontedeume e outras delicias grastronómicas, todo elo amenizado por distintas actuacións dos grupos tradicionais como a Asociación Folclórica Orballo, As Ruxideiras de Airiños do Eume, a agrupación O Rueiro de Carral ou a banda de gaitas de Narón.

O evento de hoxe culmina ademáis unha serie de actividades culturais e de creación artística que leva por nome “Do Camiño Vivido´19” e que durante os últimos tres meses encheu de cultura contempóranea os concellos desta ruta.