O Concello de Noia reparte dípticos informativos con consellos básicos sobre a tenencia responsable de mascotas

O Concello de Noia reparte dípticos informativos con consellos básicos sobre a tenencia responsable de mascotas

Escrito el 22/06/2019


O salón de plenos do Concello de Noia acolleu na noite de onte unha charla informativa sobre a tenencia responsable de mascotas, organizada pola Concellería de Medio Ambiente e na que participaron unha trintena de veciños e veciñas. Unha charla durante a que se repartiu un díptico informativo con consellos básicos para a tenencia responsable de mascotas e información sobre as razas de cans considerados potencialmente perigosos segundo a normativa actual.

 

Entre os consellos recollidos no díptico figuran a necesidade de tratar ás mascotas con respecto e cariño, lembrando que son seres vivos aos que hai que proporcionar un lugar onde durmir e estar protexido das inclemencias climatolóxicas. Tamén se fai necesidade na necesidade de alimentalo diariamente de xeito equilibrado e preocuparse da súa hixiene, así como sacalo a pasear ou interactuar con el todos os días. Ademais, aconsella levar ás mascotas periodicamente ao veterinario e, sobre todo, nunca abandonalas.

 

A concelleira de Medio Ambiente, Angela Neri Arufe, explica que o obxectivo destas charlas é “poder ter a mellor información sobre as nosas mascotas de man de persoas especialistas nos seus respectivos campos”. Así mesmo, remarcou que dende o seu departamento “estamos a facer todo o posible para dar unha resposta segundo a Lei de Benestar Animal do 2017, xa que os Concellos asumimos moita responsabilidade nos coidados dos animais”.

 

Neri Arufe destacou que nos últimos tempos se teñen realizado campañas informativas sobre a obrigatoriedade do uso do microchips nos cans e de sensibilización para a recollida das deposicións dos animais. En materia de infraestruturas, lembrou as melloras realizadas nos dous caniles dispoñibles na base de Protección Civil, a recente habilitación dunha zona de paseo e estancia con mascotas na praia do Testal ou a construción dun parque canino no paseo marítimo. Unha instalación de máis de 300 m2 que conta cun circuíto de agility, cunha fonte canina e cun dispensador de bolsas cunha papeleira para a recollida das deposicións dos animais e que “polo que puiden percibir foi moi ben recibida pola veciñanza”.

 

Abandonos e maltrato

 

Lyra Sierra, vicepresidenta da asociación Arca de Noia, falou sobre os distintos tipos de cans que podemos atopar nas rúas, lembrando que “nadie puede recoger perros, salvo que esté en peligro vital. Hay que llamar a las autoridades”. Neste sentido, chamou a atención sobre o feito de que hai que ter “cuidado con los perros callejeros que tienen dueño, caminan por ahí y no son perros abandonados”, xa que no caso de recollelos e levalos a un centro de acollida podemos estar creando un problema, ao alonxar o animal do seu hábitat e do seu dono. Sierra aproveitou para solicitar a realización de campañas “para reflexionar antes de adoptar un animal, para que se adopte con responsabilidad”, así como continuar coas campañas de información sobre a esterilización e a identificación de cans.

 

Pola súa banda, Ana Isabel Cotofre, veterinaria do Centro Veterinario San Marcos, alertou sobre o feito de que “hay una Ley de Bienestar Animal que recoge que tenemos que proporcionar alimentos, agua, un lugar para vivir y unos mínimos cuidados veterinarios a los animales. Y eso no se hace de forma correcta”. Así, indicou que no seu centro “vemos casos tanto de malnutrición como de obesidad, que se está convirtiendo en un gran problema porque la obesidad disminuye la calidad de vida de nuestras mascotas y acorta también sus años de vida”. Así, a veterinaria explicou ao donos de cans que “los perros han de salir todos los días a la calle, no vale con ponerles un empapador” e advertiu de que “la mayor parte de los gatos que viven en interior están estresados y nosotros pensamos que están muy felices”.

 

Cuestións legais

 

O xefe da Policía Local de Noia, Francisco Fernández, repasou os principais aspectos da Lei de Benestar Animal e como se está a aplicar no municipio. Neste sentido, lembrou que “a lei obriga a identificar aos animais, xa non é a importancia de que o can teña o microchip por se se perde, é que é unha obriga legal”. Así mesmo, recoñeceu que “un dos temas máis delicados é o dos excrementos na vía pública. Somos conscientes de que son sancionables, pero non é tan doado como parece aplicar a sanción, pois tes que collelos nese momento”.

 

Finalmente, José Pérez Rojo, cabo primeiro do Seprona Noia, falou sobre maltrato animal e cans potencialmente perigosos. Rojo recoñeceu que “moita xente adquire animais de razas potencialmente perigosas por moda, por pose, porque pensan que son moi chulitos... pero non saben ben o que fan. Comprar un destes cans é case como quen adquire un arma, se tes antecedentes, aínda que sexa por conducir superando o grao de alcohol, non vas poder ter licenza, aínda que compraras o can”. Rojo lembrou que os propietarios, ademais de levar os cans con buceira e cunha correa curta, “deben levar sempre encima a licenza e non pode levar máis dun. Se tes dous pit bull, primeiro pasea un e despois o outro”. Sobre o maltrato, informou que “antes era unha falta, agora é un delito”, se ben admitiu que os responsables non entran na cadea.