A Deputación da Coruña apoia unha guía para sensibilizar sobre a diabetes nos centros de ensino

A Deputación da Coruña apoia unha guía para sensibilizar sobre a diabetes nos centros de ensino

Escrito el 27/06/2019


A Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, colabora coa asociación Anedia na publicación de "Os Bolechas saben o que é a diabetes", unha guía que se distribuirá nos centros de ensino e que ten como obxectivo sensibilizar e informar sobre unha enfermidade que en Galiza padecen un millar de menores.

 

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e a presidenta e secretaria da Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia presentaron o libro "Os Bolechas saben o que é a diabetes", da autoría de Pepe Carreiro, co que queren contribuír á difusión e información da enfermidade, de maneira especial nos centros de ensino. O libro conta cunha subvención da liña de entidades sen fins de lucro da área de Cultura da Deputación da Coruña.

 

A familia Bolechas participan nunha nova historia na que mostran a principal información da diabetes TIPO 1, unha enfermidade autoinmune que adoita comezar na infancia e adolescencia e que afecta arredor dun milleiro de menores no país.  "Cando aparece supón un cambio brutal para o neno ou nena e sobre todo no seu entorno, tanto familia, amigos como no colexios", explican desde a asociación Anedia que ten dous obxectivos fundamentais que son "facilitar a adaptación a esta nova situación por parte das familias e traballar na integración efectiva nos coles".

 

Na presentación, Goretti Sanmartín destacou que a guía "será de grande utilidade social e, en especial, dará as claves fundamentais da información que teñen que ter os centros de ensino para facilitar a integración e o coidado de nenos e nenas con esta doenza".

 

Neste sentido, a guía agora publicada coa axuda da Deputación da Coruña contribúe á creación de material propio que sirva para difundir a enfermidade tanto en hospitais como en centros educativos. "Os Bolechas explican o que é a diabetes" é un texto supervisado por profesionais da saúde desde o punto de vista da realidade das familias e dos propios centros educativos.

 

"Neste libro intentamos explicar de xeito sinxelo tanto aos nenos e nenas como os adultos que están o seu redor o que é a diabetes tipo 1, os síntomas da enfermidade os coidados que conleva, e o máis importante e que poderán seguir facendo as mesmas actividades ca antes do diagnóstico só tomando algunha precaución extra", explican desde Anedia que afonda en tres medidas necesarias para o coidado das persoas menores que padecen a enfermidade, pesar a comida, facer glicemia e inxectar insulina.