Sesenta vehículos participarán mañá sábado na exposición de coches e motos antigas do Concello de Noia e Noia Histórica

Sesenta vehículos participarán mañá sábado na exposición de coches e motos antigas do Concello de Noia e Noia Histórica

Escrito el 28/06/2019


Un total de sesenta vehículos, 43 coches e 17 motos, participarán mañá sábado 29 de xuño na exposición de coches e motos antigas organizada polo Concello de Noia e Noia Histórica. A concelleira de Comercio, Mariola López Cierto, asegura que “estamos moi satisfeitos coa gran participación rexistrada e, sobre todo, porque a gran maioría son persoas de Noia e da comarca”, polo que adianta que “agardamos que a iniciativa teña continuidade en próximos anos, pois pechamos inscricións hai unha semana e aínda seguimos recibindo chamadas de xente interesada en participar”.

 

Os sesenta participantes inscritos serán recibidos mañá sábado 29 de xuño, ás 11:00 horas, na Alameda de Noia, para despois emprazarse polo casco histórico. “Contaremos cunha gran variedade de coches e motos de máis de 30 anos, algúns tan especiais como un Cadillac e un Rolls Royce que de seguro espertarán moito interese”, explica López Cierto, quen convida á veciñanza da comarca “aproveitar o bo tempo e achegarse ata Noia para desfrutar destes vehículos e comprar no noso comercio, xa que coincide coas rebaixas”.

 

Tras a recepción oficial na Alameda, a partir das 12:00 horas os participantes emprazaranse nos lugares habilitados no casco histórico e  farán unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos da vila. Ás 13:30 horas terá lugar unha sesión vermú musical. Por esta razón, entre as 12:00 e as 15:00 horas pecharase ao tráfico a Carreiriña Escultor Ferreiro e Porta da Vila.