Declaración institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+ 2019 lida por Félix Verdes Pinto.

Declaración institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+ 2019 lida por Félix Verdes Pinto.

Escrito el 28/06/2019


O Concello de Ribeira únese á celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+, unha celebración da liberdade na escolla de opción sexual sen trabas nin estereotipos que estigmaticen a ninguén.

 

O 28 de xuño de 1969  un grupo de persoas saíron á rúa en Nova York para defenderen os seus dereitos, a súa liberdade de elección e de acción, a liberdade de seren homosexuais, lesbianas, transxénero... A liberdade de ser visibles e de obter o respecto da sociedade.

 

O traballo das asociacións e colectivos LGTBIQ fixo mudar a sociedade, grazas ao seu esforzo cambiaron as leis.  É preciso recordar hoxe que ata o ano 78 en España  estaba penada a homosexualidade e o lesbianismo, unha vergonza para un país que nas gadoupas do franquismo viviu as máximas represións.

 

A aprobación no ano 2005 do matrimonio entre persoas do mesmo sexo deu pé á entrada en vigor da normalidade social en España, da asunción da realidade que ata daquela se agochaba e se negaba. Toda Europa é un exemplo de respecto polos dereitos humanos, pola liberdade de cadaquén, pero é preciso que esta vaga de liberdade e igualdade se estenda, é intolerable que aínda hoxe existan países onde as relacións sexuais entre persoas do mesmo sexo estean perseguidas.

 

Un día de celebración non é suficiente, é preciso loitar polas nosas liberdades cada día e en todo momento. Hai que educar en  igualdade, hai que amosar á sociedade o respecto pola diversidade e levar a todas partes a mensaxe inequívoca de que todas e todos temos liberdade de elección sexual.

 

Vivimos en liberdade, e é preciso velar por ela.