ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA A REORDENACIÓN DO PASEO DAS CAROLINAS E DO ENTORNO DO PARQUE GARCÍA BAYÓN

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA A REORDENACIÓN DO PASEO DAS CAROLINAS E DO ENTORNO DO PARQUE GARCÍA BAYÓN

Escrito el 28/06/2019


O Concello de Riveira informa do inicio do prazo de presentación de ofertas para as obras de reordenación do paseo das Carolinas e do entorno do parque García Bayón: unha esperada actuación que dá continuidade á que se está finalizando na avenida do Malecón co propósito de culminar a  remodelación da fachada marítima da cidade.

 

Cómpre lembrar que Portos de Galicia asumiu o financiamento desta obra orzamentada en 578.758 euros, IVE incluído,en virtude do acordo rubricado polo presidente desta entidade, José Juan Durán, e do alcalde Manuel Ruiz no pasado mes de abril: un acordo que encarga que sexa o propio Concello o que licite a actuación ademais de elaborar o correspondente proxecto técnico.

 

As empresas interesadas teñen ata o venres 26 de xullo para presentar ofertas. O procedemento é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación. O prazo de execución, cinco meses.

 

De acordo con este documento, preténdese dar prioridade ao peón sobre o tráfico rodado conferindo a este entorno o carácter urbano que lles corresponde. Neste sentido, habilitarase un único carril de circulación en dirección saída, ampliarase a xardineira central e, no que atinxe á parte pegada ás casas, reordenarase esa zona dispoñendo aparcamentos en batería e ampliando o espazo de uso dos viandantes.

 

Carril bici

Ademais pola banda pegada ao porto crearase un carril bici que una o existente no Touro-Malecón co do paseo de Coroso, de tal xeito que toda a banda litoral da cidade sexa percorrible en bicicleta.

 

Por outra parte, instalaranse liñas novas de pluviais nos tramos que sexa necesario: serán en total 180 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro, así como 15 acometidas, 45 arquetas e 5 pozos de rexistro.