Rubén Martínez Mayo e Paula Rodríguez Louro gañan o I Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos”

Rubén Martínez Mayo e Paula Rodríguez Louro gañan o I Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos”

Escrito el 30/06/2019


O campión galego de Trail, o nicrariense Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira), e a corredora Paula Rodríguez Louro inscribiron os seus nomes como os primeiros gañadores do Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos”, desputado na noite/madrugada de onte sábado polos montes de San Xusto de Toxoasoutos (Lousame). Unha proba na que tomaron parte un total de 103 atletas chegados de toda Galicia e que se desenvolveu sen incidencia ningunha.

 

Rubén Martínez fixo bos os prognósticos antes de tomar a saída e, se ben calculaba facer un tempo de 1 hora e 20 minutos por ser un trail novo e estar recén recuperado dunha lesión, finalmente chegou á meta en solitario cun tempo de 1 hora 6 minutos e 12 segundos. O actual campión galego de Trail marcou un ritmo fortísimo de 4:43 dende a saída e percorreu en solitario os 14 quilómetros da proba. A algo máis de dous minutos chegaron os irmáns González Horte, do Lodeiros Trail. Víctor José González Horta foi segundo cun tempo de 1 hora 8 minutos e 29 segundos; mentres que Eloy González Horte foi terceiro cun tempo de 1 hora 8 minutos e 35 segundos.

 

Na proba feminina, a gañadora foi Paula Rodríguez Louro, atleta independente, cun tempo de 1 hora 34 minutos e 8 segundos, entrando no posto 34 da clasificación final. O segundo posto foi para unha atleta local, Natalia Martínez Arias, do Club Lousame Trail, cun tempo de 1 hora e 38 minutos e 3 segundos (posto 43 na clasificación final). Completou o podio feminino Olalla Duro Liñares, do Ponte Trail, cun tempo de 1 hora 41 minutos e 29 segundos, que lle valeron para ser 48 na xeral.

 

Premios

 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; e o director de proxectos de Karios The Experience Company (empresa xestora do albergue de Toxosoutos), Miguel García, foron os encargados de entregar os premios dunha proba que arrincou ás 22:30 horas do sábado e rematou ben entrada a madrugada do domingo. Así mesmo, tamén foron premiados os atletas de maior idade participantes na proba: Germán Villanustre Abuín, da SD Barbantia Roda; e Chefa Cajuso, do Club Atletismo

 

Entre todas as persoas participantes no Trail se sortearon diversos agasallos das empresas patrocinadoras da proba (Rekord Sport material deportivo, Hoka One One e Lurbel Precision Garment). Así mesmo, o albergue de Toxosoutos agasallou aos participantes cunha cea a base de mexillóns e arroz.

 

Andaina

 

Unha hora antes da saída dos atletas trail partían os 70 participantes na andaina nocturna “Posta de Sol no Monte Culou”, organizada pola empresa turística Galicia es +, xestión de eventos con alma. Unha camiñata que se desenvolveu sen incidencias, salvo unha escordadura de nocello que fixo que a persoa fose trasladada a Toxosoutos por membros de Protección Civil de Lousame para ser atendida polo médico e o persoal da Cruz Vermella de Noia.

 

María Luísa Ferreiro, de Galicia Es +, foi a encargada de dirixir a camiñata, mentres instaba aos presentes a controlar as súas respiracións para tentar liberarse do estres do día a día. A expedición chegou en tempo para desfrutar da posta do sol sobre a Ría de Muros-Noia dende o Monte Culou, onde está previsto construír un miradoiro.

 

Tanto a Andaina como o Trail foron libres de plástico, polo que para os avituallamentos os participantes tiñan que levar o seu propio recipiente, xa que non houbo nin botellas nin vasos de plástico. Así mesmo, evitouse a sinalización con cintas de plástico e optouse por unhas de cartón que despois foron recollidas polo Voluntariado local, que estivo apoiando o desenvolvemento da proba dende primeira hora da tarde.