MIGUEL ÁNGEL VIDAL INCIDIU NA ARQUEOLOXÍA DE CORRUBEDO NA SEGUNDA CHARLA ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN CORRUBEDO XI SÉCULOS

MIGUEL ÁNGEL VIDAL INCIDIU NA ARQUEOLOXÍA DE CORRUBEDO NA SEGUNDA CHARLA ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN CORRUBEDO XI SÉCULOS

Escrito el 01/07/2019


O dinamizador da Sala Museo Municipal de Riveira, Miguel Ángel Vidal Lojo, ofreceu na noite do venres dentro do programa do Xuño da Cultura e as Artes na casa do mar de Corrubedo unha concorrida charla dedicada á arqueoloxía desta parroquia.

 

Vidal Tomé, que como arqueólogo foi o responsable dalgunhas escavacións próximas como a de Castro da Cidade, remontouse á época megalítica para referenciar os primeiros vestixios dos que hai constancia dentro do territorio histórico de Corrubedo: a saber, dúas mámoas situadas no monte Facho. Tamén acreditou a existencia dun castro sen escavar no cumio deste monte do que, a día de hoxe, pódese recoñecer na súa superficie un tramo da súa muralla. Posiblemente, houbo outro castro na cima do monte Tahúme. O menhir de Bretal ou unha estela funeraria romana descrita polo Pai Sarmiento tamén afloraron ao longo da súa intervención.

 

A charla, de case unha hora de duración, espertou un grande interese entre a veciñanza congregada que contribuíu a enriquecer a exposición cos seus comentarios e reflexións.

 

A cita, que enchou a casa do mar, foi unha iniciativa promovida pola asociación Corrubedo XI Séculos coa colaboración do Concello. Francisco Sánchez Fraga obsequiou a Vidal Lojo no nome da entidade cunha publicación xenealóxica de Edmundo Fraga López na que se analizan oito apellidos típicos de Corrubedo (entre eles, o propio Lojo), así como un obsequio institucional consistente nunha réplica dunha das pedras que marcan os límites históricos do antigo coto de Corrubedo. Foi realizada polo artesán e veciño do pobo Manuel Olveira Franco.

 

A próxima charla da asociación terá lugar na casa do mar o venres 5 de xullo, ás 21 horas (adíase unha hora con respecto ao horario inicial) e será impartida polo arquiveiro municipal José Antonio Otero Sobrido cunha conferencia titulada “Corrubedo, anos 50”.