LICITADA A RENOVACIÓN DA CUBERTA DO PAVILLÓN DE SIRVES NA PARROQUIA DE OLVEIRA

LICITADA A RENOVACIÓN DA CUBERTA DO PAVILLÓN DE SIRVES NA PARROQUIA DE OLVEIRA

Escrito el 02/07/2019


O Concello de Riveira informa da licitación dunha nova actuación consistente na renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Sirves, situado na parroquia de Olveira.

 

Cun orzamento de 54.817 euros, IVE incluído, a actuación está cofinanciada con 38.371 euros pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, ao abeiro da orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalación e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas aos concellos de Galicia para o ano 2019.

 

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 9 de xullo para presentar as súas ofertas. A modalidade do procedemento é aberto simplificado.

 

Conforme ao proxecto técnico elaborado polos servizos do Concello, o pavillón ten en liñas xerais un bo estado de conservación pero rexistra episódicos problemas de filtracións de auga de chuvia que deixan en ocasións a pista impracticable. Por tal motivo, o Concello pretende renovar a cuberta realizando as actuacións seguintes:

 

  • Desmontaxe da actual cuberta previa instalación dos elementos de seguridade
  • Montaxe dunha nova cuberta a base de panel sandwich nervado, de 30 milímetros de espesor, formado por dúas chapas de aceiro prelacado con illamento entre ambas de espuma de poliuretano ríxido.
  • Remate da cuberta
  • Subministro e colocación de canalón na fachada principal
  • Apertura de ocos na fachada norte e colocación de fiestras.

 

O prazo de execución ascende a un mes e medio.